Skip to main content
Ribadeo

40 adoquíns homenaxean dende hoxe ás vítimas do franquismo en Ribadeo

Por 31 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte das máis de 75.000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo.  

“O obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra”, dixeron. 

As Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén unha delas en Rinlo. 

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, sinalou que “a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar, non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto”. 

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que “todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino. Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un ano, desde logo, significativo”. No acto tamén tomaron a palabra Ramón López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron lembradas hoxe en Ribadeo. 

A continuación proxectouse un vídeo coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.