Skip to main content
Axenda Caducada

Abre o ciclo Mestre Mateo en Vilalba coa proxección de ‘O Gran Camiño’

Por 15 Marzo, 2022Marzo 26th, 2022Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental O Gran Camiño, de Alba Prol Cid e Raúl García, dando inicio así ao Ciclo Mestre Mateo que durante o ano 2022 brindará a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XX Premios Mestre Mateo.

Esta primeira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 26 de marzo de 2022, ás 20:00 horas.

Trátase dun documental narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo.

O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o europeo Camiño de Santiago, non son máis que unha excusa para unha viaxe máis profunda ao encontro da xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflictos sociais, a espiritualidade, o cuidado do noso planeta, a conexión coa Pachamama, ou o regreso a un mesmo.

A entrada será de balde pero haberá que realizar a correspondente reserva na páxina do Concello ou na casa da cultura de Vilalba.