Skip to main content
Axenda Caducada

‘O Gran Camiño’ proxectarase simultaneamente en varios concellos o sábado

Por 25 Marzo, 2022Marzo 26th, 2022Sin comentarios

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, arrancará este sábado coa proxección do documental O Gran Camiño en Foz, Sarria, Chantada, Vilalba e A Pobra do Brollón.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a esta primeira proxección deste ciclo que leva o mellor da produción audiovisual galega por todo o país, e que tivo o seu xerme na liña de colaboración que establecemos coa Academia Galega do Audiovisual o ano pasado” e valorou que “a iniciativa permita achegar ás vilas e aos municipios máis pequenos propostas culturais de calidade”, agradecendo o apoio dos concellos e asociacións que colaboran nas proxeccións.

O Gran Camiño

Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, o filme, dirixido por Alba Prol e Raúl García, narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta. Foi seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais

Proxeccións

  • A Pobra do Brollón – Casa da Cultura Olga Novo. 20.00 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
  • Chantada – Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Concello de Chantada e Airoá Comunicación.
  • Foz – Casa da Cultura. 18.30 horas. Colabora Concello de Foz.
  • Sarria – Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen
  • Vilalba – Auditorio Municipal. 20.00 horas . Colabora Concello de Vilalba e Instituto de Estudos Chairegos

O ciclo continuará, nos mesmos espazos, durante os vindeiros meses, proxectándose todas as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo, cuxa gala se celebrou a pasada fin de semana. Ademais de O Gran Camiño”, veranse as longametraxes documentais A Virxe Roxa, A poeta analfabeta e Welcome to ma maison e as ficcións Cuñados, Jacinto, Malencolía e Tres.