Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Gandeiros concentráronse hoxe ante a Delegación da Xunta

Por 18 Marzo, 2022Sin comentarios

Fruga celebrou este venres unha concentración de gandeiros e gandeiras diante da Delegación da Xunta en Lugo para protestar “pola crise de sobrecustos” que afecta ás explotacións agro-gandeiras galegas, “e que pon en risco a súa viabilidade a curto prazo”.

Afirman desde o sindicato agrario que a día de hoxe os efectos tanto da suba dos carburantes, concentrados alimentarios do gando, tarifa eléctrica, plásticos, fertilizantes e outros insumos supón un notable incremento dos gastos, sin que veña acompañado por un aumento dos prezos a percibir polas producións.

“Ante tal situación, observamos un abandono das funcións que lle corresponden ás administracións competentes, tanto no que respecta a medidas de carácter inmediato, como medidas a medio e longo prazo, que contribúan a abaratar os custes de produción e conseguir que o prezos percibidos polo sector agropecuario cando menos cubran estes custes”, explican.

Aseguran que Galicia ten as condicións necesarias para poder desenvolver un modelo propio de agricultura, favorecendo o acceso á terra, e deste xeito diminuír a dependencia que hai dos insumos cultivados fóra das fronteiras galegas. “A día de hoxe unha agricultura sostible, e compatible co medio ambiente, é posible levala diante no noso país, soamente se precisa de vontade política”, din.

Igualmente dende Fruga defenden que as administración competentes, deben tomar cartas no asunto, e evitar por tódolos medios, que como consecuencia desta crise non se peche ningunha explotación. “É o momento de facer valer que estamos ante a lexislatura do rural, sen que esta frase sexa un mero slogan publicitario”, din.

BNG

O BNG apoiou a mobilización convocada hoxe pola Fruga, na que reclamaron a intervención urxente das administracións para reverter a situación que está a atravesar o sector agrogandeiro. A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, explicou que “desde o BNG pedimos que, de maneira urxente, os gobernos da Xunta e do Estado actúen porque as explotacións non poden agardar máis”. “A situación é insostible polos baixos prezos en orixe e polo aumento dos custos de produción”, afirmou a deputada. Olalla Rodil acudiu á concentración acompañada polo deputado  por cargos orgánicos e institucionais do BNG nas distintas administracións.

Como medida a medio prazo, o BNG reclama “recuperar a nosa soberanía alimentaria e facer que as nosas explotacións sexan menos dependentes da importación”. O BNG defende que estas medidas “evitarán que as gandeiras e as agricultoras, o elo máis feble da cadea, sexan as qeu acaben pagando os cambios no mercado”.