Skip to main content
Lugo

Os tres grupos políticos da Deputación de Lugo condenan a agresión de Rusia contra Ucraína

Por 8 Marzo, 2022Sin comentarios

Hoxe, martes 8 de marzo, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou unha Xunta de Voceiros e Voceiras co fin de propoñer o consenso entre os tres grupos políticos representados na Corporación provincial dunha Declaración Institucional de condena á agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína.

Da xuntanza saíu un acordo unánime de PSdeG, BNG e PPdeG condenando a invasión de Ucraína por parte das tropas rusas, ademais de expresar a total solidariedade da Deputación co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través dos leitos establecidos polo Goberno de España.

Ademais, este mércores a institución provincial sumarase, ás 12.00 horas, ante o Pazo de San Marcos, á convocatoria de cinco minutos de silencio realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
A Deputación Provincial de Lugo manifesta a súa firme e rotunda condena á agresión que está cometendo Rusia contra a República Popular de Ucraína coa brutal invasión do territorio dun país que é soberano, e expresa a súa total solidariedade co pobo ucraíno. Como defensores dos dereitos e das liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave ditos cimentos humanos.

Así mesmo, a institución provincial reclama o alto ao fogo inmediato, a retirada das tropas rusas do territorio de Ucraína e o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e acadar acordos de paz duradeiros, sempre no marco do respecto ao Dereito Internacional, aos Dereitos Humanos, aos acordos de Minsk e ás resolucións da ONU.

A Deputación de Lugo ratifica a súa plena dispoñibilidade para axudar e colaborar, dentro das nosas posibilidades, a través dos cauces establecidos polo Goberno de España, naquelas medidas que poidan contribuír a paliar o sufrimento do pobo ucraíno e que procuren a protección e o benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida.

As guerras son unha traxedia e un retroceso da civilización. Unha volta a tempos escuros que Europa debería desterrar para sempre. Non hai nada que xustifique as vítimas mortais e o cruel sufrimento dos superviventes, que marcará o resto das súas vidas. Os devastadores efectos desestruturan a sociedade moito máis aló do conflito bélico. Danos irreparables que se agravan cada minuto que pasa.

A Deputación de Lugo, como administración local, a máis próxima sempre á cidadanía, está pendente do que está a vivir o pobo ucraíno, con gran preocupación e pesar, e, ao mesmo tempo, amosa o seu orgullo pola resposta solidaria que están dando os veciños e veciñas da provincia ante esta catástrofe.