Skip to main content
Lugo

Deputación e USC asinan un convenio que favorece a realización de prácticas na institución

Por 12 Marzo, 2022Marzo 13th, 2022Sin comentarios

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, asinaron este venres no Pazo de San Marcos un novo convenio entre ambas entidades, en virtude do que o alumnado universitario poderá realizar prácticas na institución provincial. Este acordo, segundo se puxo de manifesto no acto de sinatura, permite vehicular a tramitación das prácticas dos estudantes da USC de todas as titulacións oficiais de grao e mestrado en calquera dos servizos da institución provincial.

Este novo acordo entre USC e Deputación de Lugo é unha proba máis da “aposta intelixente que está a facer a institución provincial ao manter o seu apoio continuado a unha universidade pública como é a USC”, salientou Antonio López, quen, logo de reiterar o seu agradecemento, apuntou que “esta nova colaboración redunda especialmente en beneficio do estudantado e da súa formación práctica, pero, por extensión, reportará tamén vantaxes para o conxunto da sociedade”.

José Tomé Roca explicou que a sinatura deste convenio “encádrase na extraordinaria relación de colaboración que manteñen USC e Deputación de Lugo e, neste caso, contribuirá a mellorar a formación do alumnado con prácticas nos distintos servizos da institución provincial”, sinalou, ao tempo que engadiu que “ata o de agora, cada centro universitario tramitaba un convenio específico coa institución provincial, pero este acordo cubre a totalidade das titulacións oficiais que ofrece a Universidade.

Este “convenio paraugas” permite que todo o alumnado da USC poida facer prácticas na Deputación, polo que estamos a falar dun acordo que amplía as posibilidades de formación do estudantado, ao tempo que reporta maior axilidade e eficacia para as dúas administracións implicadas, lembrou Tomé, que tamén subliñou a importante colaboración en materia de prácticas que están a desenvolver na Granxa Experimental do Campus Terra.

“Estas novas instalacións localizadas na finca Gayoso-Castro permitiron mellorar a formación duns 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ao longo deste curso”, sinalou Tomé, quen se referiu ao Campus de Lugo como un dos motores da provincia, tanto pola súa propia actividade, como pola transferencia de coñecemento que fai á sociedade e ao tecido económico, sobre todo ao relacionado co sector primario.

O convenio asinado entre Deputación e USC habilita ao estudantado de calquera titulación oficial da USC para optar a prácticas curriculares e extracurriculares ou complementarias en calquera dos servizos da institución provincial. As prácticas curriculares computarán a obtención dos títulos co carácter establecido no plan de estudos e, no caso das extracurriculares, figurarán no expediente e no Suplemento Europeo ao Título, sempre que se realizaran antes da finalización dos estudos.

USC e Deputación prevén favorecer a boa organización deste programa de estadías e formación práctica coa publicación dunha convocatoria en cada curso académico. Aínda así, a realización das prácticas propiamente ditas poderá exceder o período ordinario do ano académico con data límite no 30 de setembro do curso seguinte.

APOIO DECIDIDO E CONTINUADO AO CAMPUS TERRA
O presidente da Deputación de Lugo salientou que a institución que dirixe “foi clave para crear o Campus de Lugo, e segue a ser vital para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade”. “A día de hoxe, somos a Deputación de España que fai unha maior aportación económica a unha universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”, destacou José Tomé, que cifra en máis de 370.000 euros a achega económica coa que a Deputación de Lugo ofreceu en 2021 soporte de xeito transversal a actividade do campus lugués, ademais de colaborar en múltiples iniciativas e proxectos.