Skip to main content
Lugo

Pequerrechas, un xogo no medio da cidade de Lugo

Por 20 Marzo, 2022Marzo 21st, 2022Sin comentarios

Pequerrechas é una iniciativa de xogo que mantén aos lucenses e turistas activos na cidade. O obxectivo é pasear pola cidade e descubrir unhas pequenas portiñas que se agochan nos muros, seguindo as pistas que os organizadores ofrecen diariamente nas súas redes sociais. Trátase dunha actividade lúdica totalmente gratuíta que ten a finalidade de propiciar as saídas familiares e en grupo pola cidade ocupando os seus espazos e coñecendo, a través do paseo, os diferentes monumentos e barrios, animando a imaxinar, a pensar e a crear; en definitiva, facendo de Lugo un lugar máis habitable, humanizado e saudable e mostrando a diversidade das súas xentes.

A proposta consiste en ir atopando as diferentes Pequerrechas, facerlles unha fotografía o máis creativa posible co móbil e compartilas nas redes sociais de xeito que cando algún grupo xogador alcanza un gran número de Pequerrechas atopadas é recompensado coa posibilidade de elixir a localización da seguinte, dándolle así a posibilidade de formar parte activa no xogo mesmo debuxando a súa propia Pequerrecha por medio dun pequeno concurso no que se seleccionarán os mellores deseños, que pasarán a formar parte da colección de Pequerrechas.

O proxecto é unha iniciativa de persoas particulares e dende que foi posto en marcha a principios do ano está recibindo unha boa acollida, aumentando día a día o número de participantes que pasean por Lugo á procura das pequenas aparicións. O equipo creador fai un chamamento a coidar as Pequerrechas e a non arrincalas para que a diversión poida ser compartida por toda a cidadanía, e prega a quen atope algunha despegada que a devolva, para que o xogo continúe.