Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Inaugurada a tempada de rutas de catamarán pola Ribeira Sacra

Por 20 Marzo, 2022Marzo 21st, 2022Sin comentarios

O alcalde inaugurou a tempada de catamaráns pola Ribeira Sacra, para a que xa hai 5.100 reservas. Este servizo mantén os habituais percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, en Chantada.

José Tomé Roca destacou a importancia da aposta por este servizo público, que contribúe a dinamizar a economía da comarca e a provincia cun impacto moi positivo no sector servizos.

“Logo do éxito que supuxo adiantar o comezo da tempada pasada de rutas fluviais e da boa repercusión que tivo para o turismo, a hostalería e o comercio, este ano tamén comezamos antes con este servizo”.

As rutas polo Canón do Sil e Cabo do Mundo funcionarán ata finais de ano e as persoas interesadas poden facer a súa reserva a través dunha web renovada e máis accesible: reservas.rutasembalses.es

RUTAS E HORARIOS
Na nova tempada mantéñense os dous percorridos cunha duración aproximada de 2 horas. No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Durante o mes de marzo, os catamaráns navegarán o sábado 19, o domingo 20 e a fin de semana do 26 e 27, en horario de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio, as rutas polo Canón do Sil serán de mércores a domingo e, con motivo da Semana Santa, haberá servizo de luns a venres do 11 ao 17 de abril, ao igual que a semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas. Neste período, no caso de Cabo do Mundo, haberá viaxes as fins de semana, a semana completa do 11 ao 17 de abril con motivo da Semana Santa, e os días 16 e 17 de maio coa ponte das Letras Galegas.

Na Ruta Canón do Sil en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas todos os días, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.

Ambas rutas rematarán a temporada na ponte de decembro con viaxes diarios do 3 ao 11 de decembro.