Skip to main content
Sober

Sober solicita a participación das mulleres para facer unha exposición

Por 8 Marzo, 2022Marzo 10th, 2022Sin comentarios

O Concello de Sober pide a colaboración das mulleres que queiran colaborar para elaborar unha exposición de fotos nas que se amose a súa beleza natural. A iniciativa forma parte das actividade organizadas polo Goberno local con motivo do 8 de marzo e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Desde o Concello explican que ao longo da historia as mulleres sufriron unha forte e evidente presión social en torno ao seu físico. Así pois, recibiron e interiorizaron, por medio dos distintos axentes de socialización, crenzas e regras non escritas sobre como debe ser a súa imaxe, sumíndoas no medo ao rexeitamento.

A sociedade na que vivimos motiva a exclusión ao ensinar que o corpo da muller debe ser o máis parecido posible o estereotipo establecido, loitando para conseguir encaixar neses parámetros e rexeitando se non o logran.

É unha ensinanza invisible que non se transmite de forma directa, pois é silenciosa e sutil, maquillándose baixo a premisa de que a muller debe ser libre e ten que estar preocupada por unha axeitada saúde física e mental.

Dende os Servizos Sociais do Concello de Sober queren contribuír a loitar contra esas crenzas que prexudican a todas as mulleres, derribando eses pensamentos machistas que as cohiben e condenan.

“Queremos que a palabra liberdade cobre todo o seu sentido e significado e que a saúde física e mental sexa real e propia”, precisan.

Así, o proxecto que propoñen busca realzar a auténtica beleza, mostrando o sexo feminino tal é como é e non como pretenden que sexa. “Queremos que aquilo que a nosa sociedade ve como defectos se perciba como o que verdadeiramente é, o corpo de todas as mulleres, a súa realidade”

Con este obxectivo invitan a todas as mulleres a colaborar na exposición da beleza real e natural rompendo cos cimentos que nos oprimen. Agárdase que o proxecto vexa a luz nuns meses, tempo durante o que traballarán con todas as participantes de cara a facer esa exposición final que aglutine todo o proxecto.

Para máis información e/ou para participar poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Sober a través do número de teléfono 628055236, por medio dunha chamada telefónica ou vía whatsApp.