Skip to main content
Sarria

A feculera de Sarria é a protagonista do novo videoclip do grupo Louband

Por 31 Marzo, 2022Sin comentarios

A partir do 4 de abril, o tema “O Tren” de Louband estará dispoñible en tódalas plataformas de música en streaming e, dende o día 7 de abril, a súa versión con videoclip estará en Youtube.

O tema é un arranxo propio de Iñaki L. Campo, un dos oito membros de Louband. Este versiona un mito galego de Andrés do Barro baseado na temática da emigración e refréscao con pinceladas doutro mito, “Proud Mary”, un tema escrito por John Fogerty. A primeira gravación deste tema estivo a cargo de Creedence Clearwater Revival e foi versionada despois por un sinfín de artistas como Tina Turner ou o mesmo Elvis Presley.

O videoclip foi realizado polo galaico-arxentino Nahuel Lioi, é un dos puntos a destacar do traballo. Nesta pez audiovisual aproveitáronse os contrastes de luz que se dan ao longo de todo un día, actuando como metáfora das longas xornadas que realiza o grupo cando saen levar a súa alegría ás festas, nun lugar con historia, a vella fabrica feculera de Sarria, cedida polo concello da vila.

A música, pola súa banda, foi gravada polo venezolano Jesús Álvarez e José A. Salvador, no estudio de este último, PAN Studio. Un arxentino de sona, Gonzalo Ariel López Brouchoud, técnico de Louband, encargouse da mezcla e masterización.

Louband é un grupo de música de rúa, conta con un MEAM (Micro Escenario de Alta Mobilidade), que ten os seus momentos no videoclip, desfilando detrás dos músicos, enchendo a enorme feculera de luz, lume e confeti. É o mesmo que acompaña a Louband en tódalas actuacións, ao fin e o cabo, un membro máis…

Neste momento compaxinan o lanzamento do single coa preparación da tempada de 2022, que xa quenta motores despois dun entroido que os levou a Pontevedra, Ourense, Cabañas Raras, Toral de los Vados, O Carballiño…no mes de abril xa contan con varias datas, nas feiras do viño de Sober e Quiroga e o verán ten pinta de ser frenético. E aínda gardan unha sorpresa importante…

O grupo leva dende o ano 2017 movéndose por toda Galicia, o Bierzo e Asturias, pero está aberto a novos horizontes. Os seus oito compoñentes forman unha familia que se volcou no proxecto de Louband, un soño que lles permite cantar e bailar unha multitude de estilos musicais e escenarios tan grandes coma o mesmo mundo, entre as xentes, a pé de rúa.