Skip to main content
Meira

Crean en Meira unha plataforma para xestionar os proxectos eólicos

Por 10 Marzo, 2022Marzo 11th, 2022Sin comentarios

Un grupo de veciños veñen de crear unha plataforma para xestionar e informar sobre os proxectos de macroeólicos que se prentenden instalar na contorna e que afectan aos concellos de Meira, A Pastoriza e Pol.

O novo colectivo levará o nome de Alto Miño e quere poñer de relevo tamén o que pasa con outros parques e megaproxectos que hai por toda Galicia e tamén polo resto de España.

“Co fin de podermos ter algún tipo de identidade como grupo, pensamos en crear unha plataforma que nos aglutine e que nos represente”, indican.

Unha plataforma non é unha asociación, polo tanto non dá personalidade xurídica. É unha agrupación de xente que ten uns obxectivos, condicións ou problemática comúns e apoian un manifesto que os representa. “Neste caso somos persoas en contra deste tipo de creación de parques de macroeólicos na nosa zona e da maneira na que se está a facer, sen ter en conta á veciñanza”, explican os organizadores.

Por este motivo, a veciñanza está convocada a unha reunión o venres 11 de marzo ás 21:30 horas na casa da cultura de Meira, onde se formalizará a creación desta plataforma.

Como engaden, estar na plataforma non vincula a nada: non hai cuota, non hai obrigas, pode entrar quen queira (persoas, asociacións, empresas, administracións, outras plataformas,…) “non ten fin lucrativo, o único que indica é o apoio ao manifesto que a representa”.