Skip to main content
Muras

Adxudicadas as obras da praza da Galeguidade de Muras

Por 14 Marzo, 2022Marzo 16th, 2022Sin comentarios

O proxecto, financiado integramente pola institución provincial a través dun convenio co Concello, ten como obxectivo humanizar o centro da localidade creando un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.

A Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación das obras de humanización da Praza da Galeguidade, en Muras, por preto de 220.000€. A Xunta de Goberno provincial deulle o visto bo a esta fase administrativa que permitirá o inicio dos traballos unha vez asinado o contrato.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliña que esta “importante actuación” é froito dun convenio de colaboración co Concello de Muras a través do que a institución provincial financia integramente as obras. Destaca que este proxecto busca “mellorar a vida da xente, neste caso logrando unha praza máis acolledora, máis accesible e máis bonita”. Concreta que “o rural da nosa provincia necesita actuacións coma esta para ter futuro, para ser atractivo para a poboación máis nova e cómodo para as persoas maiores”.

“As prazas, como a Praza da Galeguidade, son espazos físicos, pero tamén son espazos de convivencia e de memoria. Polo tanto, cando renovamos unha praza, non só melloramos a parte urbanística, senón que creamos comunidade e proxectos de futuro”.

Unha vez se asine o contrato, o prazo de execución destes traballos é de tres meses.

A empresa adxudicataria é a UTE formada por OVISA e PROBISA.

O proxecto

O proxecto contempla un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo humanizar o centro de Muras, creando un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.

Vaise crear unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, coa intención de unificar estas dúas zonas, e pola que transitarán tanto os vehículos como os peóns. Eliminaranse os banzos actuais para mellorar en accesibilidade tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os carros dos bebés.

Ademais, esta obra servirá para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, de pluviais, de enerxía eléctrica e de telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novas luminarias e de mobiliario urbano que ofreza unha maior calidade e comodidade para a veciñanza.

A rúa Apóstol Santiago modificará a súa actual bidireccionalidade, converténdose nunha estrada de dirección única en sentido ao Concello. Quedará prohibido o acceso á nova contorna dos vehículos que circulen en sentido ao Concello dende a rúa José Ramón Puentes.