Skip to main content
Muras

O Concello de Muras farase cargo dos custes da limpeza pola tuberculose bovina da Balsa

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Muras anunciou que asumirá os custes da limpeza sanitaria que realizarán os gandeiros na parroquia da Balsa para controlar o gromo de tubercolose bovina detectado no mes de febreiro.

A normativa veterinaria nestes casos obriga aos gandeiros afectados ao sacrificio dos animais e a realizar unha limpeza de inmobles e espazos comúns de uso gandeiro. “O custe económico deste proceso é importante e como vemos que a Consellería non se está a implicar farémolo nós”, indica o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.

Nesta última quenda sacrificáronse na Balsa un total de 24 animais tras outras accións anteriores que levaron á morte a 16 dunha primeira vez, en maio de 2019 e a 13 na segunda ocasión.

O Pleno aprobou en febreiro unha moción de urxencia na que solicitaban á Xunta unha investigación sobre este gromo de tuberculose, ademais da aprobación de medidas compensatorias cos afectados. “Como vemos que non toman medidas, queremos facelo nós”, reitera Requeijo.

Este novo rebrote ten ao sector gandeiro da zona moi preocupado, por todos os danos e prexuízos que pode provocar unha nova inmobilización das explotacións, sendo o principal problema o das perdas económicas e o da desconfianza do mercado.

Ademais, tamén instaron á Xunta a que declare zona gravemente afectada por unha emerxencia á area de A Balsa polo gromo declarado de tuberculina e a aumentar as indemnizacións por sacrificio do gando bovino.