Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba apoia á demanda dos veciños de Belesar dun pozo para a casa escola

Por 7 Marzo, 2022Sin comentarios

O PP de Vilalba trasladará ao goberno local no vindeiro pleno unha demanda dos veciños de Belesar: a construción dun pozo para dar subministro de auga á casa escola. “A casa escola de Belesar carece de subministro de auga, un servizo moi básico na actualidade, que resulta necesario para favorecer o uso desta infraestrutura de carácter social”, explica a voceira, Sandra Vázquez.

Esta é unha das necesidades que os veciños lles trasladaron aos populares durante unha reunión nesta parroquia que da continuidade aos encontros que están a manter para escoitar aos vilalbeses, “como é o noso deber como oposición” e tamén porque “sabemos, como partido de goberno que somos, que debemos escoitalos para coñecer as súas prioridades”.

“Os veciños de Belesar tamén reclaman a apertura dunha vía municipal que une Aldea e Penarredonda. O anterior goberno do PP xa iniciara estes traballos polo que só sería continualos para facer posible unha mellor comunicación entre estes lugares”, indica Vázquez.

Os populares tamén achegaron aos veciños información de interese sobre o “inventario de camiños municipais iniciado polo goberno local e aprobado recentemente en pleno, pero que moitos veciños descoñecen. Nese sentido, trasladámoslles información útil para que saiban para que é e que medidas contempla”.