Skip to main content
Vilalba

O Concello presenta o proxecto de humanización da rúa da Pravia

Por 11 Marzo, 2022Sin comentarios

“É unha actuación moi boa para os peóns, os vehículos e por suposto o comercio e a hostalería, sectores produtivos vitais e estratéxicos na economía local”, asegurou a alcaldesa, Elba Veleiro.

O Concello de Vilalba presentou esta mañá o proxecto de renovación integral e humanización da rúa da Pravia, impulsando a recuperación para a veciñanza dun dos principais espazos públicos da vila.

O proxecto foi presentado en rolda de prensa pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, e Marta Rouco, tenente de alcaldesa e voceira do goberno local.

“É unha actuación ilusionante e moi beneficiosa para todos, un proxecto que forma parte dun plan para o conxunto do casco urbano de Vilalba no que é prioritario o obxectivo da humanización”, explicou a alcaldesa.

“Desde que comezou este mandato, no Concello de Vilalba puxémonos a traballar para a mellora da mobilidade interna e a acesibilidade da vila, definindo para elo unha serie de liñas estratéxicas a través dun Estudo de Mobilidade e Espazo Público no que a rúa da Pravia ten un papel protagonista, xa que é a arteria principal do concello”, engadiu.

Veleiro lembrou que “esta renovación integral tivo que adiantarse polo derrubamento dun dos edificios da rúa, polo que primeiro tivemos que preocuparnos pola seguridade das persoas e os bens materiais, que por suposto quedará garantida con este proxecto”.

“Estamos convecidos de que é un moi bo proxecto para todos, os peóns, os vehículos e por suposto o comercio e a hostalería, sectores produtivos vitais e estratéxicos para Vilalba”, apuntou.

En palabras da alcaldesa de Vilalba, “todas as medidas previstas, como a unidireccionalidade para o tráfico, a zona azul ou os aparcadoiros disuasorios, están enfocadas ao modelo urbano polo que apostamos, adaptado aos novos tempos e superando modelos anteriores que non se adaptan ás necesidades actuais”.

O proxecto establece o cambio a dirección única da Rúa da Pravia e a construción dunha rotonda en cada un dos seus extremos, a fin de solventar os problemas de tráfico existentes, mellorando a súa fluidez á vez que se amplía o espazo peonil nunha das principais rúas comerciais da vila.

Boulevard

O concelleiro de Infraestruturas explicou pola súa parte que coa actuación “gañarase espazo para o tránsito peonil e para o desfrute da veciñanza, conformando na rúa da Pravia unha plataforma única, ampliando beirarrúas a dimensións acordes co carácter desta rúa, e introducindo zonas verdes”.

A configuración abandonará a actual plataforma segregada para crear un ‘boulevard’ de plataforma continua que garanta a máxima accesibilidade, facilite os tránsitos peonís e recupere a noción de espazo de encontro, paseo e actividade que tivo nos seus orixes, conformada como unha alameda lonxitudinal.

Haberá un carril central para o paso de vehículos rodados de 3 metros. Nas marxes deste espazo rodado aparecerán bandas de 2,2 metros de pavimentos permeables, que alternarán os aparcadoiros coas zonas verdes.

“En canto ó nivel de acabados, o obxectivo é o de xeralizar o emprego de materiais cun alto nivel de acabado, acorde co ámbito de centralidade e carácter histórico no que se vai intervir”, manifestou Fernández.

No tocante ás infraestruturas de servizos, instaralase unha nova rede de abastecemento que solucione os graves problemas existentes, de igual xeito que se fará co saneamento separativo (pluviais e fecais).

Así mesmo, prevense seccións soterradas para a redes aéreas de telecomunicacións e electricidade existentes na rúa, ademais de garantir o acceso ás telecomunicacións e o gas a todos os predios da rúa.  A todo elo hai que sumar que a iluminación prevista incorporará tecnoloxía LED de baixo consumo.

Accesibilidade

A concelleira Marta Rouco puxo en valor a importancia da accesibilidade no proxecto, “adaptando este espazo público para garantir o pleno e libre desenvolvemento das persoas, e de forma especial aquelas que razóns diversas presentan algún tipo de limitación”.

“Neste caso concreto da rúa da Pravia, a plataforma única garante esa accesibilidade, facilita os tránsitos peonís e recupera a noción de espazo de encontro e non só de paso, un lugar pensado para o paseo e o lecer”, afirmou.

“Durante moitos anos, na meirande parte de vilas e cidades os 

os vehículos foron comendo terreo ás persoas, con todas as consecuencias que isto conleva a nivel de interacción, accesibilidade e por suposto tamén a incidencia negativa no medio ambiente. Nós apostamos por promover, tal e como están recomendando desde organismos internacionais, a redución dos desprazamentos no coche sempre que isto sexa posible”, manifestou.

“Non é unha cousa que inventemos en Vilalba, non temos máis que ver un pouco a liña de actuación doutros municipios para ver que todos gañamos coa humanización dos espazos. A veciñanza recuperará un espazo principal no núcleo urbano de Vilalba, e tamén estamos seguros de que o comercio e a hostalería sairán beneficiados desta obra”, concluíu.