Skip to main content
Ribadeo

Volveron dar comezo as obras na estrada ribadense de acceso de Ove ata a de Vilela

Por 9 Abril, 2022Sin comentarios

Volveron dar comezo as obras na estrada de acceso desde Ove ata a LU-P-5207, que pasa polo tramo do antigo tren mineiro. Estivo a realizarse o aglomerado en quente tralo parón pola folga de transporte.

A edil de Obras, Mónica Freire, contou que “retomáronse os traballos de mellora no acceso desde a parroquia de Ove ata a estrada de Vilela e que pasa polo antigo tramo do tren mineiro. Retómanse logo dunhas semanas de non actividade debido ao paro rexistrado no sector do transporte. Concretamente hoxe estase a executar o aglomerado en quente do firme deste vial, que previsiblemente quedará rematado ao longo do día. Por este motivo quixemos achegarnos para comprobar in situ, xunto cos técnicos, como se están a desenvolver estes traballos de aglomerado neste tramo”. 

Freire Rancaño explicou que “o que pretendemos con esta obra é fundamentalmente mellorar o pavimento deste tramo de viario urbano e con elo ofrecer unha mellor seguridade xa que é un acceso que se atopaba en moi mal estado porque, ademais de que non se acometera nel ningunha actuación de mellora desde hai moitos anos, tamén é un tramo que soporta un volume moi alto de tráfico porque dá acceso desde as parroquias ata o centro do pobo. Executamos ademais obras de fábrica como levantamento de tapas ou colocación dunha rigola para recoller auga de chuvia e quedará pendente a sinalización horizontal, que se realizará nos vindeiros días”. 

A concelleira ribadense engadiu que “esta obra está sendo levada a cabo pola empresa Isidro Otero, que foi a adxudicataria a través dun proceso de licitación aberto e o orzamento ascende a 32.000 euros, que proceden de fondos propios do Concello”.