Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro pide explicación sobre o local para a residencia de Aspanane

Por 2 Abril, 2022Xuño 30th, 2022Sin comentarios

O grupo municipal do PP de Viveiro acaba de solicitar un pleno extraordinario para coñecer que xestións ten feitas o goberno local para dotar á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, Aspanane, da residencia que necesita,.

Os populares queren que, nesta sesión plenaria, a alcaldesa, María Loureiro, “dea conta de todo o feito, cronoloxicamente, polo equipo de goberno e o resultado deste traballo; pretenden que a rexedora responda ás  preguntas  que consideren oportunas todos  os grupos municipais sobre esta cuestión”. Os populares, como alternativa á sesión extraordinaria, admiten que estas cuestións se traten no próximo pleno ordinario

O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez considera que a situación que se está a  producir  en Aspanane, como consecuencia da demora na determinación da ubicación da súa residencia, require que por parte do concello se adopten as medidas precisas e que se faga canto antes.

Os populares din que “dende hai catro anos dáse unha serie  de circunstancias  que fan que Aspanane non dispoña da necesaria residencia. Explican que os rapaces foron  facéndose maiores e, o que é máis preocupante, os seus país e nais tamén. Pensando no futuro, as familias atópanse diante unha situación  de incerteza, o que causa desasosego e moita preocupación”.

No seu momento, o portavoz popular, Óscar Rodríguez, lembrou que no ano 2019 elaborouse un borrador de convenio a tres bandas: Deputación, Concello e Xunta. A Administración autonómica encargaríase de acondicionar a antiga escola de Celeiro para a Escola de Idiomas, e así quedarían liberados os locais para a residencia de Aspanane. O edificio da antiga escola pertence a tesourería da Seguridade Social. Cando se solicitou a cesión do inmoble, a Seguridade Social demandou o abono de 700.000 euros. Rodríguez sinala: “É algo inaudito, porque en moitos outros concellos, a Seguridade Social cedeu os locais sen custo algún; foi unha demostración do pouco peso que ten a alcaldesa socialista no PSOE. En todo caso, o asunto leva durmido varios anos e é preciso tomar decisións, porque o tempo xoga en contra”.

Rodríguez insiste en que se a opción que estaba prevista non é posible, é necesario buscar outra fórmula e o goberno local ten que xogar o papel que lle corresponde neste asunto.