Skip to main content
Axenda Caducada

O Concello de Lugo participou no Día Internacional do Pobo Xitano

Por 9 Abril, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez,sumouse aos actos de celebración do Día Internacional do Pobo Xitano.

A rexedora quixo participar activamente na conmemoración desta efeméride á que cada 8 de abril a Administración local se suma co xesto simbólico do izado da bandeira do pobo xitano na fachada da Casa Consistorial e que, logo da interpretación do himno xitano Gelem – Gelem, continuou coa entrega dun premio en recoñecemento á traxectoria de Manolo Vila quen, durante 22 anos, foi coordinador da escolarización xitana en Lugo.

“Accións que contribúen a visualizar unha data na que se pretende enxalzar os valores de unidade da sociedade e de respecto á súa diversidade, apostando por acadar unha verdadeira integración, ao tempo que divulgamos a súa cultura, avanzamos no seu coñecemento e reivindicamos que todas e todos os cidadáns temos os mesmos dereitos”, sinalou Lara Méndez.

O Concello de Lugo colabora, alén, coa programación organizada para festexar o aniversario do Primeiro Congreso Mundial romaní/ xitano, celebrado o 8 de abril de 1971 en Londres, cedendo, dende a área de Benestar Social, un espazo no centro de convivencia de Fingoi para que mañá sábado, ás 18:30 horas, se celebre o concerto flamenco ‘Son de Lugo’ incluído na programación organizada pola Asociación xitana Phenjalipen.