Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Aberta a inscrición no programa Reiníciate da Deputación

Por 26 Abril, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo, coa colaboración da Escola de Organización Industrial, impulsa este plan de formación e emprego co dobre obxectivo de favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada a sectores con demanda, como o do viño ou o sociosanitario.

A Deputación de Lugo xa ten aberto o prazo de inscrición no programa de formación e emprego de persoas desempregadas de longa duración Reiníciate, encamiña o teu futuro, que impulsa coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI) co dobre obxectivo de favorecer a inserción laboral deste colectivo e nutrir de man de obra cualificada a sectores con demanda, como o do viño ou o sociosanitario.

O programa, dotado con 355.000€, constará dunha parte de formación gratuíta en aqueles sectores con alta demanda de persoal capacitado, e doutra parte de formación  práctica. Ademais, establécense tres zonas de actuación para impartir as formacións, que comezarán a finais de abril: a zona norte (Burela); a zona sur (Monforte de Lemos); e a zona centro (Lugo). Poderán acollerse a este novo programa un total de 120 persoas, sen límite de idade, que acrediten levar un ano, como mínimo, inscritas no Servizo Público de Emprego.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo en https://lugoempleo.com.

Todas as persoas participantes acadarán a capacitación básica e clave para acceder a un posto de traballo cualificado, o que permitirá a aquelas que carezan de formación mínima -graduado escolar ou ESO- acceder a capacitacións profesionais. As formación realizaranse enfocadas a sectores con alta demanda, como a atención sociosanitaria, os idiomas ou a viticultura. Neste último caso a formación práctica poderá ser en adegas, e, posteriormente, crearanse bolsas de emprego á que empresarios e empresarias poderán acudir para contratar a este persoal capacitado.

Este novo plan de formación e emprego favorece a inserción laboral destas persoas, que teñen especiais dificultades para encontrar traballo, e, ao mesmo tempo, facilita que diferentes sectores profesionais poidan nutrirse de man de obra cualificada.

Outros programas de formación e emprego da Deputación

Este programa provincial súmase ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa e o Reiníciate: enfoca o teu futuro, ambas iniciativas que a Deputación ten en marcha xunto coa EOI. O primeiro, un programa de formación e de asesoramento personalizado que se ofrece ás empresas da provincia de Lugo de maneira totalmente gratuíta para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio. O segundo, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo da xente nova da provincia dándolle formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e coa dixitalización.

Neste último programa está aberto o prazo para que as empresas e asociacións interesadas poidan solicitar unha axuda económica para incorporar a estes rapaces, xa formados, durante un período de tres meses en réxime de prácticas non laborais remuneradas.