Skip to main content
Baralla

Aprobadas as expropiacións necesarias para as obras de mellora e acondicionamento da LU-710 en Baralla

Por 26 Abril, 2022Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou a declaración da utilidade pública pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI ata o enlace coa A-6, no concello de Baralla.

Esta actuación suporá un investimento da Xunta superior aos 2,6 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 137 predios necesarios para a realización dos traballos.

O obxectivo da intervención é incrementar a seguridade viaria na contorna, para o que se propón o alargamento e mellora da estrada autonómica LU-710 entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,5 quilómetros.

Esta vía autonómica, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as gabias, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorase puntualmente o trazado con variantes en alzado e en planta para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que incrementará a seguridade viaria.

Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

Os traballos inclúen, ademais, a rehabilitación do firme e a implantación de paradas de bus.

Finalmente, incorpórase ao proxecto a achega presentada ao proxecto inicial, dun acceso solicitado desde a estrada LU-710.

A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo semestre do ano.

Cómpre lembrar que o Goberno galego remitiu unha proposta de financiamento desta actuación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa Next Generation, pero foi rexeitada. Non obstante, a Xunta autoriza hoxe o inicio do procedemento expropiatorio, dado que está entre as súas prioridades a execución desta obra.

A Xunta segue mantendo a súa aposta continua pola vertebración territorial e o reforzo da competitividade da provincia de Lugo, a través do impulso de novas infraestruturas viarias.