Skip to main content
Lugo

Lugo acollerá o Forum 2022 despois de gañar a Copa España Creativa 2020

Por 4 Abril, 2022Abril 5th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou que a Deputación sexa a entidade coorganizadora do evento nacional Fórum Lugo 2022 e fixou un importe máximo para investir nel de 57.000 euros. “ Un evento que é un privilexio acoller no noso territorio e que de seguro será moi enriquecedor, á vez que suporá tamén un importante revulsivo económico para a provincia”, subliñou García Porto.

Este evento celebrarase este ano na provincia de Lugo, logo de que a Deputación gañase a pasada edición da Copa España Creativa grazas a un proxecto de recuperación de soutos que desenvolvemos nos Ancares.

A Deputación de Lugo alzouse coa Copa España Creativa 2020 nun evento celebrado en Orihuela, o VII Foro de Ciudades y Territorios Creativos de España. O xurado seleccionou o proxecto da institución provincial para recuperar, conservar e poñer en valor os soutos da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá de entre a vintena de candidaturas que concorreron como finalistas a este certame de ámbito nacional, no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.

Como gañadora da Copa España Creativa, a Deputación de Lugo, será a encargada de organizar este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España. “Sen dúbida, ser a sede deste certame contribuirá de maneira moi importante á promoción de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, da nosa riqueza patrimonial, medioambiental, cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo”, destacou o Presidente.

A provincia de Lugo será a anfitrioa dun evento que reunirá aos proxectos finalistas dun novo certame que convocará España Creativa para o vindeiro ano para seleccionar o mellor proxecto en innovación e creatividade do país. Será a oitava edición do Fórum de Ciudades y Territorios Creativos de España, onde Lugo será o epicentro dunha reflexión nacional onde se darán cita comunidades autónomas, deputacións, concellos, empresas e organizacións sen ánimo de lucro de toda España.

REDE DE CIDADES E TERRITORIOS CREATIVOS DE ESPAÑA

A Deputación de Lugo forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos, e entre os seus obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo do desenvolvemento e turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultural, e favorecer o diálogo entre territorios.