Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O PSOE critica que o PP non aprobara a electrificación das embarcacións da Ribeira Sacra

Por 7 Abril, 2022Abril 8th, 2022Sin comentarios

A deputada socialista Leticia Gallego criticou onte que o Partido Popular se negase a aprobar unha iniciativa do PSdeG na que se lle reclamaba á Xunta de Galicia que realice os investimentos necesarios ao longo deste ano para proceder á electrificación das embarcacións que navegan polo ríos Miño e Sil, na Ribeira Sacra.

Con esta medida non so se pretendía contar cun transporte fluvial máis sostible, senón que tamén permitiría reforzar os obxectivos do Plan de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e avanzar nas actuacións enmarcadas na súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Tras lembrar e corroborar con cifras que o compromiso do goberno de España co turismo galego “é continuo”, a parlamentaria do PSdeG reivindicou que “a Ribeira Sacra merece un esforzo por parte de todos, e especialmente do goberno galego”.

A maiores engadiu que coa aprobación desta proposta socialista “dariámoslle entre todos os grupos un pulo máis a esta fermosa zona que cada vez más visitada polos turistas de toda España e por galegos e galegas”. Porén, e malia os intentos de negociar unha transacción, o Partido Popular negouse a sacar adiante esta proposta.

Leticia Gallego concretou esta solicitude a través dunha proposición non de lei que foi debatida esta tarde na Comisión de Turismo do Parlamento. Alí lembrou que nestes momentos só hai unha embarcación híbrida de 11 prazas, que navega polo río Miño.

Con todo, Gallego reivindicou que todas as embarcacións deberían ser sostibles e a mellor fórmula para logralo é que pasen a estaren electrificadas. “Para que isto poida ser unha realidade”, advertiu a parlamentaria do PSdeG, “necesítase máis financiamento por parte da administración autonómica”.

Na súa intervención, Leticia Gallego tamén recordou que o consorcio de turismo da Ribeira Sacra vai sacar a concurso nos próximos meses, e para que esta elaborado en xullo, a redacción dun plan de mobilidade sostible que teña como obxectivo reducir o impacto ambiental dos desprazamentos de visitantes polo territorio e mellorar a accesibilidade aos lugares de interese. Con esta finalidade preténdense promover incentivos para que se substitúan esas embarcacións ou os seus motores.

Explicou que un dos obxectivos desta iniciativa é “promover o uso do transporte colectivo e do vehículo eléctrico, e limitar ao máximo os desprazamentos en autobuses e coches particulares”. Nesta liña, “a electrificación das embarcacións na Ribeira Sacra completaría o obxectivo reducir o impacto ambiental no transporte nesta zona”.