Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Margarita Ledo recibirá o Premio Pedigree no Festival de Cans

Por 2 Abril, 2022Sin comentarios

A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra, o Premio Pedigree, á cineasta, escritora e investigadora, Margarita Ledo Andión, nada en Castro de Rei no 1951, unha das autoras cunha traxectoria máis transversal no cinema galego abarcando campos tan diversos que van desde a creación e investigación á docencia no ámbito audiovisual.

Arela, quere premiar en Margarita Ledo “por unha obra caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país recatando a memoria borrada”.

Margarita Ledo recibirá este ano o Premio Pedigree, a máxima distinción que outorga o Festival de Cans co Can de Pedra, e colocará a súa no Torreiro das Estrelas no marco da XIX edición do Festival, que se celebrará entre o 18 e o 21 de maio.

Ledo foi directora de catro longametraxes pero co seu último filme, Nación (2020), obtivo varios recoñecementos como o premio á mellor dirección de película española no Festival de Cinema Europeo de Sevilla, o Mestre Mateo ao mellor documental, e foi preseleccionada para os Premios Goya.

Entre a filmografía de Margarita Ledo destacan Santa Liberdade, en 2004, no que recupera a memoria do secuestro do buque homónimo por parte de 24 antifascistas galegos e portugueses como denuncia ás ditaduras de Franco e Salazar. Outra das súas películas é Liste, pronunciado Líster (2007), a modo de biografía do líder comunista galego; e A cicatriz branca (2012), onde explora a figura da muller galega exiliada na Arxentina.