Skip to main content
Guitiriz

Enterrarán en Guitiriz o día 8 aos represaliados do franquismo atopados no 2019 en Lagostelle

Por 30 Abril, 2022Sin comentarios

A Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ADRF) levará a cabo o vindeiro domingo 8 de maio, no cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle, no Concello Guitiriz, a “dignificación e inhumación” de oito represaliados asasinados “polos fascistas” en outubro de 1936, cuxos nomes apareceron nunha nota no interior de botellas, “sendo visible o de Edmundo Peinado Ponche”.

A asociación explicou que no acto lerase poesía e lírica creadas para o evento e amenizarase co grupo musical Os Valuros.

Así mesmo, sinalan que “non haberá risas nin tristeza, pero si alegría por dignificar e inhumar a demócratas republicanos que deron as súas vidas pola liberdade ante os genocidas fascistas que negaron o seu presente e futuro e o das súas familias”.

A Asociación reivindica a todas aquelas persoas ás que “lles foron arrebatadas as súas vidas innecesariamente, sen escusa algunha” e defende que “deben ser recompostas de maneira inmediata e dignificadas como lles corresponde. Que ninguén quede sen terra, que ninguén quede sen nome”, remarcan.

En xullo de 2019 leváronse a cabo os traballos de exhumación da fosa común situada ás costas da parroquia de Santa Mariña de Lagostelle. Atopáronse os corpos de oito represaliados do franquismo executados en outubro de 1936. Dos oito restos recuperados, seis estaban en cadaleito, perfectamente aliñados, algúns cos brazos cruzados sobre o seu peito e dous sen féretro a continuación dos demais.