Skip to main content
Vilalba

Volve hoxe a Festa do Queixo San Simón da Costa de Vilalba

Por 2 Abril, 2022Abril 3rd, 2022Sin comentarios

Vilalba acolle esta fin de semana, como é tradición, unha nova edición da Festa do Queixo da San Simón da Costa, unha cita que chega a súa vixesimo sexta edición e que volve tras dous anos de parón.

Contará con dous días de feira que se deseenvolve na praza da Constitución, onde están os stands de artesáns e produtos gastronómicos.

O programa dará comezo ás 12.30 horas cun showcooking a cargo de Xoanqui Ameixeiras na praza da Constitución e que terá un aforo limitado a 50 persoas.

Ás 16.30 horas será o taller infantil de elaboración de queixos e no que os pequenos aprenderán as maneiras de elaborar un bo queixo San Simón. Máis tarde, ás 18.00, haberá pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Mato Vizoso.

Xa ás 19.00 horas será a quenda do pregón no templete da praza que nesta ocasión corre a cargo de Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria na Escola Superior de Enxeñería de Lugo e investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

O domingo ás 11.00 horas os Buxos VErdes animarán á veciñanza coa súa música e ás 13.00 horas será a ocasión de bailar cos Festicultores. Ademais, durante toda a xornada poderá desfrutar dunha degustación gratuita nunha fooftruck situada na praza.

CONCURSO DE TAPAS

A Festa conta cunha serie de actividades paralelas como o concurso de tapas, no que participan un total de 22 establecementos de hostalería ata mañá, domingo.

As tapas están elaboradas de xeito tradicional ou ofrecendo unha tapa de maneira máis novidosa e creativa, mantendo sempre as materias primas. Terán que inscribirse nunha das dúas modalidades que prefiran: tradicional (1,80 euros) ou creativa (dende 2,50 euros ata o precio que considere o hostaleiro).

Haberá premio para a tapa máis votada en cada unha das categorías, ademais, os oito establecementos que reciban máis puntuación pasarán á final. Estes establecementos finalistas serán debidamente avisados para citalos a elaborar a tapa para proceder á derradeira valoración do xurado, que se realizará o xoves 7 de abril nos establecementos finalistas.

Os consumidores das tapas poderán ademáis participar na Ruta do Tapeo ata o día 3 de abril de 2022.

SELO CONMEMORATIVO

O Concello de Vilalba e a ONCE presentaron o cupón do sorteo deste sábado 2 de abril, que estará dedicado ao Queixo San Simón da Costa. Con motivo da celebración esta fin de semana da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa, o cupón da ONCE está ilustrado con este produto local.

“Dende o Concello de Vilalba agradecemos a colaboración da ONCE con este xesto cara o noso produto local, contribuíndo a difundir a nosa oferta gastronómica cunha iniciativa social como é a ONCE”, sinala Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

RUTA BTT

Tamén hoxe, con motivo da feira, estase a celebrar a VI Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa, entre os concellos de Muras, Xermade e Vilalba e que conta con 250 participantes nas tres modalidades: larga, media e corta distancia.

A ruta deu comezo ás 9:00 horas con saída e chegada na praza da Constitución da capital chairega. A ruta máis longa percorre ao longo de 61 quilómetros os tres concellos, con 1.300 metros de desnivel positivo. Por outra banda, está a ruta de media distancia, de 54 quilómetros e 950 metros de desnivel positivo e, por último, unha proba máis sinxela de 35 quilómetros e 600 metros de desnivel positivo.