Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta inicia unha campaña pola ampliación do polígono

Por 5 Abril, 2022Sin comentarios

Modesto Renda denunciou que Vilalba deixara pasar “20 empresas e 200 postos de traballo” e cualificou de “indecente” a especulación das fases anteriores.

“Un futuro en Vilalba para a veciñanza traballadora, a mocidade e a pequena e mediana empresa”. Así definiu Modesto Renda a campaña presentada este luns por Vilalba Aberta, a fin da “necesaria ampliación do polígono industrial” da localidade.

A iniciativa, que coexistirá nos vindeiros meses coa iniciada en febreiro en contra dos recortes de servizos no centro de saúde, pretende proxectar diante da veciñanza o “compromiso inquebrantable” da formación municipalista coa ampliación do chan industrial, ademais de “exercer a necesaria presión política e veciñal” diante dos “cinco anos de completa parálise municipal ao respecto”.

“Ao carón do polígono hai 300.000m2 que, de poñerse a producir, resolverían os problemas do Concello para a captación de novas empresas e a ampliación das xa instaladas”, explicou un Renda que denunciou moi especialmente o feito de que, aínda que a documentación para a legalización do chan (modificación puntual das normas subsidiarias) “fora entregada xa en 2017”, no que vai de lexislatura “non houbo ningún avance.”

“Nos últimos anos deixamos pasar 20 empresas e un total aproximado de 200 postos de traballo. Non se pode consentir e tocaba dar unha resposta”, denunciou.

Ao tempo, dende Vilalba Aberta censurouse a “indecente especulación” das fases anteriores, facendo Renda especial fincapé na necesidade de “garantir a futura produtividade” e evitar a compravenda de parcelas que logo “non teñan actividade industrial nin comercial” ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, “sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial.”

PROPOSTAS COMPLEMENTARIAS

“Bonificacións fiscais para a contratación á pequena e mediana empresa”, así resumiu Renda a primeira das esixencias complementarias da formación ao goberno do PSOE en Vilalba. Unha medida fiscal nunca antes explorada no Concello vilalbés, mais, tal e como lembrou, “de contrastada eficacia á hora de fixar poboación en municipios rurais e semirrurais.”

Ademais, dende Vilalba Aberta recuperase para esta campaña unha reivindicación histórica do asociacionismo empresarial vilalbés, como é a negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía do Cantábrico, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción aquí. “Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido”, apuntou Renda.

A adhesión á iniciativa Concellos Emprendedores “Doing Business”, fundamental para captar investimentos e para que Vilalba estea mellor posicionada de cara a beneficiarse de moitas subvencións pecha o marco de reivindicacións expostas na campaña da formación. “O Concello debería comprometerse a aplicar incentivos fiscais, simplificar os trámites administrativos e facilitar acceso a solo industrial ás iniciativas empresariais interesadas, e é por isto que non podemos pospoñer a necesaria adhesión”, declarou Renda.