Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Entidades de inclusión crean un bastidor coas redeiras de Cabo Burela para unha futura mostra

Por 11 Maio, 2022Maio 12th, 2022Sin comentarios

Fabricaron con distintas técnicas un bastidor para a posterior elaboración dun mural que formará parte da mostra para a concienciación cidadá sobre a contaminación da Asociación A Mariña Sen Plástico.

O Concello de Burela continúa a través da Concellería do Mar e Servizos Sociais con distintas accións arredor do proxecto Burela-IN, que permite reutilizar os residuos do mar e das actividades pesqueiras, así como promover iniciativas de concienciación sobre o coidado e o respecto ao medio ambiente coa colaboración e participación de entidades de inclusión social e do sector pesqueiro e coa financiación do GALP Mariña-Ortegal. 

Nesta última semana, usuarios e usuarias da Fundación Eu Son, Asociación de Saúde Mental da Mariña e Asociación AFAM veñen de realizar dous obradoiros coas redeiras de Cabo Burela para elaborar un bastidor que formará parte da mostra itinerante que está a preparar a Asociación A Mariña Sen Plástico para concienciar sobre a problemática dos plásticos no mar.

A concelleira de Mar e Servizos Sociais, Carmela López, destacou a importancia de que “cinco entidades se involucren nunha actividade que facilita a integración social, a adquisición de habilidades e coñecementos sobre os materiais que empregan as nosas redeiras, e tamén a participación nunha campaña de concienciación e sensibilización sobre todos os problemas que acarrean os plásticos no mar”. Nesta liña quixo agradecer a colaboración de todas as partes implicadas para sacar adiante este proxecto, “entidades de inclusión social, sector pesqueiro e administración local imos a unha para promover o coidado do medio, a participación e integración de todas as persoas e a posta en valor do sector marítimo”.

Os obradoiros conxugaron o atado das pezas de redes, mediante distintas técnicas que foron practicando, coa fabricación dun pequeno bastidor que será a base para facer o mural da exposición itinerante. Con este tempo de aprendizaxe, as persoas usuarias conseguiron “coller a agulla, enfiar e coser as redes con moita habilidade e destreza”. Sobre a base deste bastidor poderanse colgar tanto carteis explicativos sobre a problemática das redes fantasma como distintos exemplos de lixo mariño.