Skip to main content
Ribadeo

Xa se coñecen os gañadores do XV Ribadeo de Tapeo

Por 24 Maio, 2022Sin comentarios

Xa se coñecen os gañadores do XV Ribadeo de Tapeo, que concluíu na xornada de onte. O primeiro premio do xurado foi para o Chámalle Estopa, o segundo para o Bar Queimada e o terceiro para El Oviedo. O premio para a tapa de Ribadeo foi para O Alén. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “onte rematou a XV edición do Ribadeo de Tapeo, o concurso gastronómico pioneiro en Galicia e, precisamente, na última xornada estivemos acompañados polo xurado profesional que despois de probar as tapas participantes decidiron outorgar os premios segundo o seu criterio profesional aos seguintes establecementos: o terceiro premio foi para a tapa de El Oviedo, o segundo premio para a do Bar Queimada e o primeiro premio foi para a do Chámalle Estopa por buscar a esencia da nosa raíz. O xurado profesional, que estivo a percorrer os locais participantes ao longo dos últimos días, decidiu concederlle a Tapa de Ribadeo ao Alén, e os seus membros fixeron unha mención especial para a do Bar Queimada pola súa pureza”.

O edil ribadense dixo que “deste xeito conclúe esta edición do Ribadeo de Tapeo, organizada polo Concello de Ribadeo, que compartiu tempo e escenario con iniciativas como as Letras do Campo ou o Renacer do Cantil e que xirou arredor de concertos, presentacións,  actividades lúdicas como a Gastro-Oca ou o Caldo de Gloria para colaborar coa comisión de festas;  unha programación que conseguiu atraer a numerosos visitantes e que propiciou que as rúas e os establecementos de Ribadeo rexistrasen unha gran afluencia de público e de actividade”.

Vizoso Galdo engadiu que “agora quedan por coñecerse os establecementos premiados polo público, de xeito que nos vindeiros días seguiremos dando información en máis detalle e seguimos adiante co resto de programación turística, comercial e cultural para as próximas semanas”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo tivo palabras de agradecemento para os participantes no XV Ribadeo de Tapeo: “aproveito este momento para agradecer a participación e a dedicación de tódolos participantes e tamén a colaboración de tódalas persoas que fixeron posible esta programación de actividades”.