Skip to main content
Ribadeo

O PP ribadense propón a apertura dos baños da praia das Catedrais todo o ano

Por 25 Maio, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo propón a apertura dos baños da praia das Catedrais “durante todo o ano, manter a contorna limpa e conservada, aumentar o número de papeleiras e, por supuesto, planificar o aparcadoiro”.

Estas propostas foron trasladadas pola vicevoceira popular ribadense, Elena Sierra, argumentando que “a praia das Catedrais é unha das máis visitadas da nosa vila e o segundo monumento, despois da catedral de Santiago, máis visitado en Galicia por persoas de España e doutros países. Pero non só na época estival e en pontes; senón todo o ano”, remarca.

A popular lamenta que “a este goberno do BNG parece que non se lle pasa nin pola cabeza” como demostra o feito de que “todos os días éncheselles a boca falando dela e facéndose fotos, pero non teñen unha planificación seria para esta praia”.

Sierra considera que “hai que tomar decisións. Un goberno debe planificar e actuar para que non ocorra o caos que vimos sufrindo neste areal ano tras ano”, conclúe.