Skip to main content
Lugo

Arrancan en Lugo as obras de peonalización da Calzada da Ponte

Por 3 Maio, 2022Maio 5th, 2022Sin comentarios

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou esta mañá o inicio das obras de peonalización e humanización da Calzada da Ponte, “unha ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago, unha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza patrimonial e histórica xa que coincide na súa totalidade co Camiño Primitivo e parte da Vía Romana XIX”, sostivo.

A obra, que durará doce meses, “nos permitirá avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao bastión dun envexable patrimonio natural como é o Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial”, sinalou.

O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, vese afectado polas áreas de protección da Ponte Vella, as Termas Romanas do Balneario, o Camiño de Santiago e a Vía Romana, polo que foron necesarios os informes e permisos de Patrimonio da Xunta e da Confederación Hidrográfica “o que alargou no tempo máis do que nós desexabamos esta actuación”, indicou a rexedora.

A intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegará ata as termas porque Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.

Coa peonalización reducirase o paso de vehículos por este itinerario, reducindo os niveis de contaminación medioambiental e acústico, que axudará á posta en valor desta riqueza patrimonial e mellora da calidade de vida da veciñanza, “senón porque é unha zona onde de paso de numerosos peregrinos e turistas que visitan a nosa cidade”.

A alcaldesa sinalou, así mesmo, que o estacionamento dos residentes está garantido porque tamén se deixan prazas para as vivendas que non dispoñen de garaxe e, polo tanto, de vao.