Skip to main content
Lugo

300 palilleiras daranse cita na Praza de Abastos de Lugo

Por 20 Maio, 2022Maio 21st, 2022Sin comentarios

A Praza de Abastos de Lugo acollerá mañá a Xuntanza de Palilleiras e Multilabores PalillAD. Un econtro ao redor do encaixe de palillos organizado pola Vicepresidencia da Deputación e a Asociación Agulla Máxica. A palillada no baixo da Praza de Abastos será de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Trátase da cuarta edición deste evento, que reunirá a unhas 300 palilleiras de toda Galicia, de distintas localidades das comarcas de Lugo, Sarria, A Mariña ou a Ribeira Sacra, e tamén de Vigo, Porto do Son, Mos, Betanzos, Oleiros, Valdoviño, Cedeira ou Ourense, entre outros lugares.

O obxectivo do encontro é intercambiar e actualizar coñecementos ao redor dunha actividade que está a experimentar unha importante transformación impulsada polo mundo da moda, o deseño e a decoración.

O deputado de Artesanía e Deseño encadrou a colaboración coa Asociación Agulla Máxica na organización do encontro no “traballo que se ven desenvolvendo desde o Centro de Artesanía e Deseño para contribuír ao recoñecemento e actualización dos oficios tradicionais nun contexto de valoración da sostibilidade e do feito a man que abre novas posibilidades ao sector”.

A presentación do evento na Praza de Abastos, na que participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e o tenente de alcalde de Lugo Ruben Arroxo, reuniu varias das integrantes da Asociación Agulla Máxica – Concha Santos, Milagros Losada, Manuela Ramos,Toñi Sanfiz, María Beatríz Valín, Aurora Rebordelo, María José Tallón e Angélica Gómez- que celebraron a posibilidade de organizar unha nova edición desta xuntanza, despois de dous anos de parón pola Covid-19, e destacaron a boa acollida que tivo a convocatoria entre asociación de palilleiras e palilleiras a título individual, que o vindeiro sábado amosarán en Lugo a habilidade e organización que require o encaixe.