Skip to main content
Lugo

Completada a renovación das beirarrúas da Cheda, en Lugo

Por 27 Maio, 2022Maio 30th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo rematou xa a renovación das beirarrúas no barrio da Cheda. Así o anunciou o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, que explicou que o Goberno local “continua a atender aos distintos barrios da cidade”.

Unha “pequena actuación que non supón un elevado custo económico” pero que mellora “enormemente” a calidade de vida da veciñanza da Cheda, un barrio moi avellentado da cidade.

Penas visitou a zona xunto coa concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, e co tenente Alcalde, Rubén Arroxo. Alexandre Penas lembrou os traballos xa executados polo goberno de Lugo nos últimos meses, entre os que destacan a renovación do alumeado público ou a actuación integral executada na pavimentación de todas as vías do barrio, feita no ano 2020.

A área de Medio Ambiente actuou tamén neste barrio, renovando a rede de abastecemento e eliminando o fibrocemento.

“Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas”, afirmou Alexandre Penas, que engadiu “desde Infraestruturas planificamos o traballo a realizar tendo en conta as solicitudes das veciñas e veciños, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da zona na que viven”.