Skip to main content
Lugo

García Porto: “Defendemos un modelo de turismo non masificado, de experiencias”

Por 27 Maio, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo acolleu hoxe a última xornada do III Seminario de Experiencias Turísticas, promovido polo Eixo Atlántico. Unhas xuntanzas das que o Executivo provincial foi o anfitrión este ano e que naceron co obxectivo de favorecer o impulso do sector en Galicia e no norte de Portugal.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na inauguración do encontro xunto á presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Secretario Xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao, un acto no que puxo en valor a estratexia turística que impulsa a institución provincial, de calidade e sostible.

García Porto incidiu en que a Deputación defende “un modelo de turismo non masificado, de experiencias, que pon en valor a natureza e o patrimonio cultural e etnográfico, que favorece o equilibrio territorial e que actúa como factor de desenvolvemento do rural”. Un modelo “que defendíamos xa antes da pandemia, e que se viu referendada pola propia crise sanitaria”, indicou.

Neste encontro, no que participaron 25 persoas de Galicia e Portugal, “reforzamos os vínculos entre ambos países para seguir impulsando conxuntamente un sector tan importante para o desenvolvemento económico dos nosos territorios como é o turismo”, explicou a responsable provincial que destacou que de Portugal procede o 51% dos turistas que visitan GalicIa cada ano.

“As nosas boas relacións de veciñanza, o mutuo aprecio e o desexo de coñecernos mellor, son a base dun importante fluxo de visitantes, que implica movemento económico, intercambio cultural e desenvolvemento para os nosos países”, apuntou García Porto, para a que “a combinación de patrimonio, cultura, tradicións e gastronomía resume ben o potencial de Lugo no ámbito do turismo, así como a oferta turística que impulsamos na provincia, directamente dende a Deputación ou en colaboración cos concellos ou co tecido asociativo”.

A Deputada tamén destacou que “este encontro é unha boa mostra do traballo continuado que leva facendo o Eixo Atlántico dende hai 30 anos a favor da cohesión territorial de Galicia e Portugal, tanto social como económica” e desexou unha boa estancia aos asistentes a este foro que onte xa coñeceron o Mazo de Santa Comba, o Centro de Interpretación Terras do Miño e tamén fixeron unha visita á capital da provincia.