Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo mellorará os dous parques da Fonte dos Ranchos

Por 30 Maio, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo mellorará os dous parques infantís da Fonte os Ranchos. Así o anunciaron hoxe a rexedora da cidade, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, nunha reunión coa veciñanza da zona.

Así mesmo, o Goberno municipal avanzou que están a estudar o proxecto para a cobertura dun destes espazos, co obxectivo de resgardar a zona de xogos da choiva e doutras inclemencias meteorolóxicas.

As obras se inclúen no plan de creación, renovación e mellora das zonas de xogo existentes na capital, que se está a acometer por fases. “Se queremos unha cidade con bos parámetros de calidade de vida para a poboación a atención á infancia é clave e iso pasa, tamén, por que conten con áreas de recreo onde socialicen e estimulen o seu desenvolvemento e aprendizaxe a través do xogo”, sostivo a rexedora.

O parque infantil de Fonte dos Ranchos será, así, o cuarto de Lugo cuberto, xunto co de Augas Férreas, Agro do Rolo e a zona do Miño.

A rexedora adquiriu este compromiso nunha xuntanza coas persoas residentes na contorna, que se enmarca nas visitas periódicas que realiza aos distintos barrios para escoitar as súas demandas e inquedanzas. Así mesmo, Méndez explicou o Plan de Embelecemento e a campaña de participación aberta para que os e as lucenses presenten as súas peticións, que se pode consultar en ttps://alcaldialugo.gal/.