Skip to main content
A Pontenova

Entrevista: “Estamos desexando escoitar os ruxidos dos motores pola vila“

Por 26 Xuño, 2022Xuño 28th, 2022Sin comentarios

Álex Lastra é o presidente da escudaría que organiza a subida á Pontenova.

A Subida A Pontenova comeza a quecer motores cos preparativos desta tradicional proba deportiva que se celebrará os días 2 e 3 de xullo.

Como comezou o club?

No ano 2010 comezaron a xuntarse varios amigos que lles gustaba este mundo e que ían ver carreiras e outro tipo de probas a outras vilas. Así, tras esa xuntanza decidiuse crear a escudaría A Pontenova e despois ao ano seguinte, no 2011, foi cando decidimos organizar a primeira Subida.

Cantos socios ten o club?

Agora mesmo seremos uns 20 socios aproximadamente e practicamente todos somos da Pontenova ou de concellos anexos. Ademais os nosos rangos de idade oscilan dende os 20 anos ata os 63 de Manolo, que era o anterior presidente e un dos principais fundadores. Cabe destacar que neste última Subida comezou a participar na escudaría máis xente nova.

Cales son os obxectivos do club?

Os obxectivos que perseguimos son o de estar unidos facendo unha actividade que nos gusta e finalmente a organización da Subida en si. Ademais de facer unha actividade no noso pobo, darlle vida e facer A Pontenova coñecida neste ámbito.

Había ganas de celebrar de novo esta proba tralo parón da pandemia?

Si claro, no 2020 vimos que era inviable facela e no 2021 aínda que o valoramos pareceunos que podía ser arriscado. Así que estamos desexando facela e escoitar os ruxidos dos motores na Pontenova.

O parque seguirá na praza dos Fornos?

Por suposto. A praza dos Fornos é un lugar magnífico para exhibir os coches e para as xestións necesarias do parque de custodia.

Que particularidades ten esta proba?

É unha subida puntuable para o Campionato Galego de montaña que conta con 4.8 km de percorrido, e ten unha subida rápida con bo asfalto. Segundo dice a xente é un dos mellores percorridos para este tipo de carreiras. Ademais pódense ver vehículos moi especiais ou diferentes que están preparados para este tipo de carreiras como son prototipos, barquetas, CM, car cross, etc.

Este ano haberá cambios?

Pois este ano seguiremos coa mesma liña de sempre, pois se algo funciona ás veces é mellor non cambiar moito. Tamén conteremos como sempre co bus da afección, aínda que agora é unha furgoneta, pois é máis manexable e máis pequena. Así os asistentes poden subir sen riscos e máis comodamente ata a meta e por suposto é gratuíto.

E novidades?

A Subida deste ano dedicámoslla este ano a un compañeiro e colaborador noso que tristemente finou, Andrés Lombardía. Por outra banda, este ano organízase unha Subida virtual en simuladores dentro do campionato Copa Norte. Esta proba englóbase nunha das 5 probas da Copa Norte, as seguintes serán a de Montecalvo en xullo e La Manzana en agosto. Nela pódense anotar calquera que teña un ordenador e será o  14 e 15 de xuño, ademais estamos pensando en traer uns simuladores para que os asistentes á Subida poidan probar e participar in situ.

Xa está aberto o prazo de inscrición?

Si. As inscricións abriron o día 3 e estarán abertas ata o 27 de xuño.

Cantos pilotos participan?

No 2019 foron 48 inscritos. Nese senso somos a Subida con menos inscricións pois moitos dos pilotos que seguen este campionato ou compiten neste tipo de carreiras son de Pontevedra ou Ourense, e é moito traxecto para desprazarse. En principio este ano contamos con 4 membros da nosa escudaría que participarán na Subida, e tamén hai pilotos que non son da organización pero que participan baixo o noso nome.

Algunha lembranza en especial?

Pois lembro que por esta  Subida pasaron pilotos de moito nivel como foron Andrés Vilariño, campión de Europa, e José Antonio Zumbona que é un dos mellores.

Algún consello para os futuros pilotos?

Que veñan ver como funciona para que coñezan este mundo e este deporte así como desfrutar da nosa zona e  do bo ambiente