Skip to main content
Lugo

Un concerto en Lugo celebrará o fin das clases da Tradescola

Por 15 Xuño, 2022Sin comentarios

O alumnado da Tradescola celebrará mañá a súa festa de fin de curso. Farao a partir das 17.30 horas, cun concerto de música e baile tradicional que terá lugar no Fondo da Praza Maior de Lugo. Nesta actividade actuará todo o alumnado dos grupos infantís e xuvenís da Tradescola acompañados polos seus mestres.

Con este acto, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo inicia a recta final do curso no que participaron mais de 250 alumnos en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.

A Asociación de Gaiteiros Galegos obtivo un balance moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, grazas a que as condicións sanitarias melloraron, xa se puideron realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.

No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados en Mosteiro (Pol), Friol, Foz, Melide ou Lugo, os concertos Sons de Maio para Florencio Delgado, a representación do Folión de Entroido, a celebración dos Maios ou a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre Os instrumentos da música tradicional galega que este ano versou sobre a zanfona.

A vindeira semana, será a quenda dos adultos, que ofrecerán tamén un concerto o día 22 de xuño na Praza de Anxo Fernández Gómez.