Skip to main content
Lugo

Veciños e Comerciantes da Milagrosa critican que a Deputación non saque o Musiqueando

Por 16 Xuño, 2022Sin comentarios

A asociación de veciños, comerciantes e industriais da Milagrosa remitiu hoxe unha carta á vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, encargada tamén da área de Cultura; amosando a súa indignación pola “ineficacia” do departamento.

Segundo lembra o colectivo, a área de Cultura desenvolve dende hai anos o programa Musiqueando, dirixido tanto a concellos como a entidades sen ánimo de lucro, que teñan entre ass súas finalidades a promoción da cultura. Ademais tamén se servían deste programa as comisións de festas que se encargaban da organización das festas patronais no ámbito xeográfico da provincia.

Con el, contribúese á difusión da música tradicional coa actuación das Bandas de Música, Grupos Corais ou Grupo de Música Tradicional.

A entidade veciñal critica que ao non ter saído, con data de hoxe, 16 de xuño, este programa, a asociación de veciños, comerciantes e industriais da Milagrosa, non puido solicitar unha actuación para a celebración do seu 30 aniversario, que tivo lugar o pasado 1 de abril. Tampouco para a XXV Feira de Produtos do Campo e Artesanía, celebrado o pasado 20, 21 e 22 de maio ou para a celebración dos premios Milagrosistas do Ano.

Todo isto, di a entidade, “supón un perxuízo” a todas as comisións de festas que xa celebraron as súas festas e que non puideron pedir ningunha actuación.

“Estamos a finalizar o mes de Xuño e aínda non saíu o mencionado programa Musiqueando, co cal demostra que son uns auténticos incapaces xestionando Cultura a nivel Provincial”, critica o colectivo na misiva.

Segundo considera a asociación, este programa debería estar activo no principio do ano “unha vez aprobados os orzamentos deberíanse de ter os acordos cos grupos, para abrir os prazos de solicitude para que os concellos e as entidades puidesen pedir as actuacións ccorrespondentes.

“A este ritmo que imos, é probable que este programa estea para finais do verán, cando estean xa case todas as festas realizadas. Desde a Asociación de Veciños Comerciantes e Industriais da Milagrosa, solicitamos información da situación en que se atopa actualmente o programa Musiqueando, así como explicacións públicas do motivo da demora”, conclúen.