Skip to main content
Lugo

O proxecto Life EcoTimberCell clausura un programa da USC

Por 23 Xuño, 2022Sin comentarios

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, inaugurou hoxe, ás 10.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, a xornada de clausura e presentación dos resultados acadados no marco do proxecto Life EcoTimberCell, un programa coordinado pola USC a través de Pemade.

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, e o director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (Pemade), Manuel Guaita,  interviron tamén na sesión.

Unha vez rematada a primeira quenda de intervencións, o programa da xornada continuou cunha breve exposición de obxectivos e de presentación de resultados a cargo do director de Pemade, Manuel Guaita. A directora de Innovación de Betanzos HB, Rosa Arcas; Albel Vega, do Cetemas; Jordi Navarro, do ITEC, e Boris Hinojo, de 3eData, tamén interviron nesta sesión, trala que a directora de proxecto de  Timbersoul by Cándido Hermida, Begoña Jiménez, fixo unha presentación da spin off creada ao abeiro do proxecto EcoTimberCell.

A sesión de clausura do Life EcoTimberCell consistiu nun relato sobre a primeira posta en obra das estruturas EcoTimberCell, a cargo do arquitecto Juan Otero, de Mol Arquitectura, ademais dunha exposición de produtos de ensaio nas instalacións do laboratorio de Pemade.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, puxo de relevo os avances cara á sustentabilidade na construción conseguidos polo proxecto LIFE EcoTimberCell.

O director destacou que este proxecto buscaba explorar a cadea de valor local e facilitar a produción baixa en carbono e transformación da biomasa en reservas de carbono a longo prazo, de cara á substitución de materiais derivados das industrias de uso intensivo enerxético, como o formigón e o aceiro.

Tamén puxo en valor que os sistemas desenvolvidos se baseasen en madeira certificada de orixe local, obtida dos montes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co gallo de aportarlle maior valor engadido, aforrar enerxía, reducir a demanda enerxética no uso dos edificios e diminuír a xeración de residuos da construción.

Así, segundo celebrou Jacobo Aboal, a iniciativa supuxo a creación da novidosa célula ecotimbercell, un sistema estrutural ecolóxico formado por pequenas pezas de madeira serrada conectadas por un taboleiro de fibras por hardboard e onde a lignina presente na propia madeira actúa como adhesivo natural. Tal e como salientou o director, o aforro de material desta solución respecto á tradicional viga de madeira maciza é do 85%.