Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Pleno da Deputación aproba un Plan de Medidas Antifraude para xestionar fondos europeos

Por 1 Xuño, 2022Sin comentarios

Un paquete de medidas que terá unha duración indefinida, será revisado de xeito bianual e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou na sesión ordinaria do mes de maio celebrada este martes un Plan de Medidas Antifraude (PMA), dando así cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar Fondos Europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Un paquete de medidas -que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención PPdeG- que terá unha duración indefinida, será revisado de xeito bianual e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos.

“Non é só un requisito, é algo no que levamos anos traballando. Unha senda para avanzar en materia de transparencia e na prevención da corrupción, que esperamos que sexa un modelo para todos os concellos da provincia”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. Engadiu o responsable provincial que ademais de ser unha medida que permitirá á institución provincial acceder aos Fondos Europeos, é un paso máis do que supón “un cambio cultural” iniciado nos anos 2018 e 2019. Rivera Capón lembrou que a Deputación xa incorporou neses anos medidas anticorrupción no regulamento da asesoría xurídica e foi pioneira na sinatura dun protocolo do Consello de Contas.

Entre os obxectivos do PMA aprobado este martes está o de instaurar na Deputación de Lugo unha cultura antifraude e de “tolerancia cero” que dará lugar á formación de todo o seu persoal adecuadamente e permitirá previr, detectar, corrixir e perseguir calquera conducta que poida constituír fraude, conflito de intereses, corrupción, dobre financiamento ou irregularidade.

Os destinatarios deste Plan serán todos os empregados e empregadas da Deputación, altos cargos e autoridades, pero tamén toda persoa ou entidade que participe nos procedementos abertos pola institución e nos que se executen fondos do PRTR.

Tal e como explicou o Deputado de Promoción Económica, este paquete de medidas terá unha duración indefinida, será revisado cada dous anos e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos onde serán obxecto de avaliación 129 cuestións que teñen que ver con subvencións, contratacións, convenios ou encargos a medios propios.

Neste sentido, a Corporación provincial xa aprobou no Pleno do pasado mes de xaneiro -e por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na cámara provincial- unha declaración na que  expresa o compromiso co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e adhesión da institución provincial aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, cunha oposición á fraude e á corrupción en calquera das súas formas.

COIDADOS PORTA A PORTA

A Deputada de Ecomomía criticou no Pleno que o Goberno galego teña en marcha un programa que é “unha operación propagandística na que o único que interesa é ter 8 autobuses preelectorais en ruta de aquí ao 2023 por Galicia”

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a modificar o programa Coidados porta a porta e que se poña a traballar para garantir o acceso permanente aos servizos sociosanitarios para toda a veciñanza do rural da provincia de Lugo. Así se acordou no Pleno deste martes a raíz dunha moción presentada polo PSdeG que foi aprobada co apoio do BNG.

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, cualificou este programa “dunha nova operación propagandística na que o único que interesa é ter 8 autobuses preelectorais en ruta de aquí ao 2023 por Galicia”. Evidenciou que este aluguer de autobuses “é totalmente innecesario para a prestación duns servizos que se poderían dispensar en espazos habilitados polos concellos, e estamos a falar de que é o 50% do custe do programa: máis de 4M€”.

García Bermúdez manifestou que é “lamentable” que a metade dos 9,5M€ dos fondos europeos se dediquen ao aluguer de vehículos e á publicidade. “Cóstanos a todos 7.000€ á semana o aluguer de cada autobús cando temos locais nos municipios baleiros que se poden destinar a este servizo, un feito que abarataría os custes e o que axudaría a ter programas cun carácter máis periódico e a que se manteñan no tempo, porque nós non queremos que este tipo de servizos duren o que duran as campañas electorais”.

Especificou, así mesmo, que o programa non amplía a prestación de servizos sociais xa que só fai unha consulta de diagnose previa, sen garantir a atención se hai un problema ao que facer seguimento. A Deputada explicou que “non concordamos cun programa que pensa na propaganda e non na defensa da calidade e a universalidade dos servizos públicos”, e insistiu en que “a atención ten que estar garantida dun xeito continuado”.

García Bermúdez pídelle á Xunta que “tome nota da filosofía dos centros de atención a maiores da Deputación e converta a atención sociosanitaria nunha fonte de emprego para o rural, apostando pola contratación de equipos sociosanitarios formados por persoas do rural coa capacitación necesaria”.

Balado ao PSOE: “De todas as mocións que levan presentado, se algunha merece a cualificación de absurda é esta. Merece un 10 neste senso”.

“De todas a mocións que levan presentado, se algunha merece a cualificación de absurda é esta. Merece un 10 neste senso”. Así o indicou o deputado do Grupo Provincial Popular, Francisco Balado, ante a iniciativa socialista que incluía a modificación do programa “Coidados Porta a Porta” da Xunta de Galicia.

Para o popular quedou claro que a intención dos socialistas é “botar por terra un programa que presta un servizo inexistente, pero que, por capricho, e a pesares de levar tan só dous meses funcionando, xa queren impedir que os usuarios se beneficien del”. A este respecto, e dixiríndose a Mayra García, deputada encargada de defender a iniciativa do PSOE, indicou que “máis absurda foi a súa postura como alcaldesa, cando estivo o autobús no seu concello. Eu como alcalde nunca faría iso, pero cada un opera como é”.

E é que, explicou, dos 11 Concellos da Mariña só foi Trabada “o que lles puxo trabas cando nin sequera sabía como funcionaba”. E todo elo, destacou Balado, a sabendas de que se ofrecen servizos esenciais como o de podoloxía, audioloxía, ou oftalmoloxía, sendo atendidos máis de 1.000 usuarios en cada prestación. “Ata mediados de mes de maio 4.700 persoas maiores xa están a recibir estes coidados e preténdese a chegar a máis de 100.000 galegos. Non é un programa froito da improvisación, si da planificación, e xurde dunha experiencia piloto de 2019 para dar servizo ao rural galego”, detallou.

“A política da churrascada” do PSOE

O deputado do PP censurou o atrevemento dos socialistas, xa que “propaganda é contratar autobuses con cartos públicos,  como o km0, e gastar estes fondos en comidas e churrascadas e invitando a políticos. Igual pasou co autobús Saborea a Túa Provincia ou o autobús que puxo en marca en 2007 o BNG para asesorar sobre a Lei de dependencia, cando este era un servizo que ben poderían prestar os Concellos. Vostedes son os de fai o que eu digo pero non o que eu fago. O que pretenden é boicotear e non respectar ás persoas que se benefician deste programa”.

O PSOE “fai o ridículo”

Os populares afirmaron que “se non queren estes servizos, díganllo á Xunta de Galicia. Non veñan a facer este ridículo porque a inmensa maioría da xente está contenta. Poderán protestar dentro de dous anos e non ó mes seguinte. O que defenden é a política da churrascada e da comidas; se o fan os demais é ilegal e, se o fan vostedes, e lícito”, criticou o popular.