Skip to main content
Folgoso do Courel

Miguelanxo Lar: “Se amas algo permitirache ter un horizonte e seguir avanzando”

Por 19 Xuño, 2022Xullo 7th, 2022Sin comentarios

O escritor e cineasta Miguelanxo Lar (Seoane do Courel, 1981) contesta nestas liñas ao Cuestionario Proust. Lar conta con dous libros publicados; o primeiro deles, Latinoeuropa, viu a luz no 2018 e o último, Mare Vostrum, en 2020. Entre os seus traballos cinematográficos, destaca o documental sobre o galego-portugués no val do Xálima, en Extremadura, así como tamén a súa colaboración no filme Sicixia, dirixido por Ignacio Vilar.

1. O principal trazo do teu carácter?
-Quizais a insistencia na persecución dos soños.

2. Que calidade aprecias máis nun home?
-A integridade.

3. E nunha muller?
-O mesmo que nun home, a integridade.

4. Que agardas das túas amizades?
-Lealdade.

5. O teu principal defecto?
-A tendencia á procrastinación, pero habería que lle preguntar a quen me frecuenta. Eu non son obxectivo.

6. A túa ocupación favorita?
-Escribir, fotografar, crear.

7. O teu ideal de felicidade?
-Unha cervexa nunha terraza, nunha illa grega. Pero confórmome con menos. Neste momento son razoablemente feliz, e sen illa grega.

8. Cal sería a túa maior desgraza?
-Morrer sen cumprir os meus soños, perder un familiar…

9. Que che gustaría ser?
-Cineasta.

10. En que país desexarías vivir?
-Nalgún mediterráneo. Italia ou Grecia. Pero a miña cidade favorita é Barcelona.

11. A túa cor favorita?
-Verde. Quen de verde se viste por guapo se ten. Seica din.

12. A flor que máis che gusta?
-As orquídeas courelás. Parécenme fantásticas.

13. Que paxaro prefires?
-O arao papagaio (fratercula arctica), que se adoita deixar ver por Irlanda e que seica se ten enxergado en Galicia. Tamén me resultan fascinantes as aves como o albatros, o corvo ou o cisne pola súa intelixencia.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa?
-Houellebecq, adóroo. John Fante, Paul Auster, Flaubert…

15. E poetas?
-Baudelaire, Nicanor Parra, Gabriela Mistral, Gil de Biedma, Machado Novoneyra, Oroza… Hai tantos…

16. Un heroe de ficción?
-Héctor de Troia. O heroe perfecto. Diplomático, leal, xeneroso e ao mesmo tempo bo guerreiro.

17. Unha heroína?
-Hai moitas no imaxinario galego e na súa historia. Galicia no ético, no estético e no mitolóxico é un matriarcado. Dende María Pita ata as señoras de mandil que aparecen nas viñetas de Davila, susténtase niso o país enteiro. Calquera delas, forman parte da nosa identidade.

18. O teu músico ou música favorito/a?
-Grupos como Pink Floyd, The Clash, El último de la fila… A Pink Floyd teño estado moi enganchado.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a?
-Dalí, sen dúbida. Un xenio superior. Tamén Van Gogh, acompañado da súa existencia tráxica. En Lugo hai un moi bo que se reivindica pouco: Blas Lourés, un expresionista magnífico.

20. O teu heroe ou heroína na vida real?
-Non teño o gusto de coñecer. A xente de carne e óso non se adoita comportar de xeito heroico ata que non lles acontece algo que os pon a proba.

21. O teu nome favorito?
-Bíblico, curto e non moi usado. E os que menos me gustan: os xermánicos, longos e de patrón.

22. Que hábito alleo non soportas?
-A vulgaridade.

23. Que é o que máis detestas?
-O rancor.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo?
-O doutor Mengele, por exemplo. Caquera tirano. Tamén os fascistas, moito, porque a súa sombra é alongada.

25. Un feito histórico que admires?

A batalla de Salamina, 480 a.c., decantou a balanza do lado dos gregos e con iso permitiu que a democracia e as teorías filosóficas atenienses que a acompañaron trunfaran en Occidente. Tamén está a Revolución Francesa, que desgraciadamente foi moi violenta, pero que serviu para acabar coa escravitude.

26. Que virtude desexarías posuír?
-A tenacidade. Máis que unha virtude é un superpoder.

27. Como che gustaría morrer?
-De vello, tombado nunha hamaca, ao solpor, cunha tropa de bisnetos correndo ao redor.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo?
-A ledicia.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia?
-A preguiza, todos somos vítimas dela nalgún momento.

30. Tes unha máxima ou lema de vida?
-Non é unha máxima nin un lema, pero se amas algo permitirache ter un horizonte e seguir avanzando. Se paras de pedalear, mal asunto…