Skip to main content
Sober

Sober convoca a Bolsa Internacional de Fotografía Pintor de Castinandi

As actividades están programadas para  o 3 e o 8 de xullo deste verán do 2022.

O Concello de Sober convoca a Bolsa Cultural Internacional Pintor de Castinandi para o estío deste ano 2022. A súa meta é incrementar “o crecemento cultural a nivel internacional”, promovendo o estudo e posibilitando o desenvolvemento persoal dos fotógrafos. Por iso, a persoa seleccionada acudirá de balde ao taller de verán de fotografía: Escuridade, luz e relato, que correrá  a cargo do  fotógrafo Paulo Nozolino na Casa Grande de Rosende, entre o 3 e o 8 de xullo.

A beca cultural internacional Pintor de Castinandi parte de “formacións culturais internacionais destinadas a mozos e mozas de ata 30 anos convocadas, promovidas e patrocinadas polo Concello de Sober, e organizadas polo proxecto cultural A Plantación a través de Talleres de Verán”. Neste caso, a bolsa posúe un valor de 780 euros.

A través de tal convocatoria, o Concello de Sober procura atopar a unha moza ou mozo con inquiedanzas artísticas e culturais e co interese de seguir formándose. Para iso, buscan  un destes perfís: “Universitarios, de Escolas Superiores de Arte e de Estudos Artísticos de Ciclos Superiores de Formación Profesional”, ou “menores de 30 anos que finalizasen algún dos estudos mencionados anteriormente (a titulación debe estar homologada)”.

Así mesmo, cada proxecto recibirá a súa pertinente avaliación por un comité e “as ideas rexistradas permanecerán en todo momento baixo a propiedade intelectual das persoas participantes”, sendo libre a temática dos traballos.

Quen pode participar?

A beca está matinada para estudantes de fotografía ou para aqueles de ata 30 anos que terminaron os seus estudos de fotografía. Con isto, detallan que por estudantes desta arte comprenden aos que cursaron Ciclos Superiores de Fotografía en escolas de Arte, Estudos de Fotografía da rama de imaxe en Formación Profesional, ou estudantes de Grao en Belas Artes e Deseño Gráfico.

Ademais disto, os solicitantes deben ter un “proxecto orixinal e persoal” escrito en galego ou en castelán. “A participación e recepción dos proxectos estará aberta desde o día 20 de xuño de 2022 ás 00:00 horas, ao día 26 de xuño de 2022 ás 23:59 horas”. Desta forma, os participantes deberán enviar a  info@laplantacion.info un cartafol en PDF co seu nome e apelidos.

O proxecto debe albergar “un máximo de 5 fotografías cunha única unidade temática, con absoluta liberdade tanto na técnica utilizada como no tema elixido para a serie”. O número de píxeles no lado maior rondará o de 2000 e cada imaxe deberá ir “identificada co nome do autor e numerada”. Asemade, acompañará á solicitude un texto que resuma o proxecto e que inclúa o nome completo e o número de teléfono do artista. Tamén se presentará a pertinente carta de intencións, explicando a razón pola cal se solicita a bolsa, ademais dunha fotocopia do DNI ou pasaporte.

O gañador ou gañadora “deberá ter dispoñibilidade para participar durante seis días de formación experiencial, totalmente presencial (do 3 ao 8 de xullo de 2022) no Taller de Verán que levará a cabo na Casa Grande de Rosende en Sober”.

O 28 de xuño farase público o nome da persoa beneficiaria da beca.