Skip to main content
Paradela

A Xunta inviste 56.900 euros na mellora dun treito da estrada autonómica LU-633 entre Paradela e Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a intervención inclúe o reforzo localizado do firme e o repintado da sinalización horizontal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva a cabo a mellora localizada do firme na estrada autonómica LU-633 entre os municipios de Paradela e Portomarín, no treito que transcorre desde o punto quilométrico 64+500 ao 72+300. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a execución das obras, que teñen un orzamento de 56.900 euros e abranguen unha superficie aproximada de 1.690 metros lineais da calzada.

A intervención consiste no fresado localizado do firme, a reposición do pavimento con  mestura bituminosa e o repintado da sinalización horizontal nas zonas afectadas polos traballos de mellora.

Durante a execución das obras permanecen habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.

Arias apuntou que a Xunta desenvolve estas actuacións a través do contrato de conservación das estradas da zona sur da provincia de Lugo, co que se garante o bo estado da rede viaria de titularidade autonómica.