Skip to main content
Triacastela

Triacastela pon en marcha un ciclo de paseos guiados

Baixo o nome Triacastela Xacobea, ofrécense catro saídas diferentes para os meses de agosto, setembro, outubro e novembro gratuítas e para todos os públicos.

Os paseos terán lugar os días 17 de agosto, 25 de setembro, 15 de outubro e 5 de novembro. Van ser catro saídas gratuítas e están pensadas para todos os públicos. Esta iniciativa correrá a cargo de Guido Guía, guía oficial de Turismo de Galicia especializado na nosa provincia e que vén de acadar distintos premios nos últimos anos polo seu proxecto turístico e a súa traxectoria profesional.

Percorrerase o centro urbano de Triacastela e a súa contorna: A primeira data o 17 de agosto, coincidindo coa Festa de San Mamede, e as tres seguintes en varias fins de semana do outono. Catro itinerarios diferentes que o Concello de Triacastela pretende consolidar no tempo e sumar así un novo servizo turístico e alternativa tanto para as nosas e nosos visitantes como para as propias e propios habitantes da comarca.

A hora de inicio dos paseos será ás once da mañá e terán unha duración de entre 2 e 3 horas. A dificultade dos paseos será media e media-baixa.

Como anotarse

Para inscribirse nestes paseos hai que enviar un correo electrónico a Guido no seu correo guidoguiaturismo@gmail.com e confirmar a asistencia.

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, recomenda anotarse a esta nova experiencia que permitirá profundar no coñecemento do municipio e descubrir unha contorna en plena natureza chea de reclamos e sorpresas.