Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta clama pola ampliación do polígono nunha reunión con empresarios

Por 1 Xuño, 2022Sin comentarios

Vilalba Aberta segue a dar pasos na súa campaña pola “necesaria ampliación” do Polígono Industrial da localidade. Baixo o lema Un futuro en Vilalba para a veciñanza traballadora, a mocidade e a pequena e mediana empresa, a formación municipalista continúa a presionar ao goberno do PSOE, desta volta pola vía dunha xuntanza coa representación do tecido empresarial local. 

A reunión, celebrada na sede da Asociación de Empresarios de Sete Pontes, serviulle a VA para trasladar á directiva do empresariado vilalbés o seu “compromiso inquebrantable” coa ampliación e anunciar que levará o expediente a Pleno.

“Dende Vilalba Aberta queremos pór ao servizo da veciñanza traballadora e, por suposto, ao do tecido empresarial do municipio a nosa forza e traballo institucional e militante, a fin da necesaria ampliación do chan industrial e a captación de postos de traballo para a nosa xente”, declarou a este respecto o voceiro da formación, Modesto Renda.

MÁIS DE 30 EMPRESAS E ARREDOR DE 300 POSTOS DE TRABALLO PERDIDOS

Renda, que contextualizou a campaña na necesidade de “tomar a iniciativa” diante dos “cinco anos parálise”; denunciou que Vilalba deixara pasar “máis de 30 empresas e  arredor de 300 postos de traballo” pola inacción do Concello e a especulación das fases anteriores.

“Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que, de poñerse a producir, resolverían os problemas do Concello para a captación de novas empresas e a ampliación das xa instaladas”, explicou.

Ademais, o voceiro municipalista urxiu ao goberno a pór á venda as seis parcelas recentemente recepcionadas para uso industrial dentro do plan de sectorización de Entrepinares.

Da reunión participou tamén a vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández quen denunciou moi especialmente o feito de que, aínda que a documentación para a legalización do chan (modificación puntual das normas subsidiarias) “fora entregada xa en 2017”, no que vai de lexislatura “non houbo ningún avance.”

A concelleira de VA coincidiu tamén con Renda á hora de cualificar de “indecente” a especulación da primeira fase, e avanzou a idea da formación de aumentar de xeito considerable o gravame aplicable co fin de “garantir produtividade” daquelas parcelas que non teñan actividade industrial nin comercial.

PROPOSTAS COMPLEMENTARIAS PARA FAVORECER A CAPTACIÓN DE EMPRESAS

“Bonificacións fiscais para a contratación á pequena e mediana empresa”, así resumiu Renda a primeira das propostas complementarias que a formación expuxo aos representantes dos empresarios. Unha medida fiscal nunca antes explorada no Concello vilalbés, mais, tal e como lembrou, “de contrastada eficacia á hora de fixar poboación en municipios rurais e semirrurais.”

Ademais, Vilalba Aberta comprometeuse na xuntanza cunha reivindicación histórica do asociacionismo empresarial vilalbés, como é a negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía do Cantábrico, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción aquí. “Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido”, apuntou Renda.

A adhesión á iniciativa Concellos Emprendedores “Doing Business”, fundamental para captar investimentos e para que Vilalba estea mellor posicionada de cara a beneficiarse de moitas subvencións pecha o marco de propostas expostas trasladadas pola formación. “O Concello debería comprometerse a aplicar incentivos fiscais, simplificar os trámites administrativos e facilitar acceso a solo industrial ás iniciativas empresariais interesadas, e é por isto que non podemos pospoñer a necesaria adhesión”, declarou Renda.