Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta propón facer do mercado un centro de venda de produtores locais e ecolóxicos

Por 8 Xuño, 2022Sin comentarios

Segundo aseguran dende Vilalba Aberta, a praza de abastos de Vilalba non vive os seus mellores momentos. “A reforma realizada hai seis anos, cun investimento de 200.000 euros, contrasta co feito de que só queda un dos catro postos que funcionaban cando as instalacións foron arranxadas e os negocios se trasladaron da planta baixa”, din.

“Que aos comerciantes lles pode interesar a vitalidade dunha praza de abastos, obsérvase comprobando como noutros lugares, sexan vilas ou cidades, hai asociacións que agrupan aos donos dos negocios. Que se poden buscar novas vías parece comprobarse, á marxe dos resultados, en localidades onde as prazas de abastos se reformaron e os postos abríndose a máis sectores que o de alimentación”.

E nesta liña se insire a última iniciativa de Vilalba Aberta: Facer do mercado de abastos o epicentro da distribución directa de produtos ecolóxicos e de proximidade.

Tal e como explicou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, VA defenderá no Pleno unha modificación da ordenanza reguladora do servizo de mercados, mantendo os tres tipos de postos fixos, mais pasado a pagar os arrendatarios respectivamente, ao mes, de 10 a 3€, de 7 a 2€, e de 4 a 1 euros por cada metro cadrado ocupado.

Ademais, dende a formación municipalista proponse que os primeiros tempos están exentos de pago, pois a modificación da ordenanza permitirá que os vendedores que necesiten afrontar uns gastos antes de empezar a súa actividade – segundo o investimento realizado (1.000 euros ou menos, de 1.000 a 1.500 ou máis de 1.500) – se vexan beneficiados por unha exención do pago decretada polo Concello que durará dous anos, dous e medio e tres anos respectivamente.

Con todo, na proposta seguiríase mantendo a posible presenza de vendedores eventuais, mais estes estarían exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.

CENTRO LOXÍSTICO

“Propoñemos que os veciños vendedores/as, tanto fixos coma eventuais, deste tipo de produtos queden exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan”, explicou un Modesto Renda moi crítico coa “nula aposta” polo produto de proximidade, máis alá das “palabras baleiras nas campañas electorais”.

Na iniciativa de VA tamén se censura ao Concello de Vilalba por non favorecer a inclusión dunha oferta que vaia máis alá da venda exclusiva de alimentos perecedoiros, como carnes, peixes, froitas, verduras ou hortalizas. “Cómpre facer do Mercado un lugar vivo onde os veciños/as poidan ir comprar a postos tradicionais de alimentación como ata agora pero tamén a comer, a tomar un café ou o aperitivo, mercar artesanía, degustar produtos frescos ou a asistir a unha cata ou a unha charla sobre o mundo do viño, por exemplo”, explicou Renda.

HORARIO DE TARDES

Para Renda, o Concello debera “non só permitir, se non que bonificar”, quedando ese tramo exento de pago por metro lineal, a apertura en horario de tardes “polo menos un par de días por semana”, o que ao xuízo de antigos praceiros favorecería a chegada de clientes novos que, polo seu horario laboral, non poden comprar polas mañás.

Na liña do anterior, a iniciativa busca o “necesario apoio e reforzo das iniciativas que leven a cabo os praceiros/as” para dinamizar o propio mercado e atraer a nova clientela, pola vía da implicación activa da Concellería de Cultura.

Por último, dende a formación situaron tamén como prioridade municipal, outras demandas sinaladas polos antigos praceiros no que ten que ver co acondicionamento das instalacións e a mellora das condicións de confort interno; a eliminación das barreiras arquitectónicas para facilitar o tránsito das persoas con mobilidade reducida e o correcto e continuado mantemento.