Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba esixirá nunha moción mellor xestión do FIV

Por 9 Xuño, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello recupere o prestixio e a calidade do FIV, “logo do decaemento rexistrado no presente ano” no que “a repercusión económica que tivo no municipio, nin se lle acerca á das edicións anteriores á pandemia”. Como “dato incuestionable”, os populares subliñan que só se venderon 1.714 abonos dos 5.000 postos á venda.

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “o FIV 2022 rexistrou a menor afluencia da historia do festival, a pesar de ser a edición que supuxo un maior gasto municipal e celebrarse nun recinto con maior aforo”. Ademais, a popular lamenta que “os asistentes leven unha mala imaxe de Vilalba debido á desorganización total por parte do goberno local como demostra o feito de que, o día antes, cambiasen a ubicación da acampada e incluso tivese que facer unha retención de crédito de case 200.000 euros por terse esquecido dos gastos de produción”. A esta circunstancia engádense, ademais, “os múltiples fraccionamentos de pagos cos que o goberno local se saltou a Lei de Contratos do Sector Público”.

A popular condena que “o equipo de goberno intentase poñer a venda antes da ferida nunha rolda de prensa despois de que o Grupo Municipal do Partido Popular solicitase información sobre o FIV. Pero o certo é que os datos reflicten que houbo moi pouca asistencia á edición deste 2022. Esta situación afectou negativamente a varias empresas e sectores do municipio coma supermercados, hoteis, bares, restaurantes, cafeterías ou taxistas que esperan cada ano o FIV coma auga de maio; pero que, nesta ocasión, non funcionou como revulsivo para os seus negocios”.

O Festival Independente de Vilalba naceu en agosto do 2008 da man da Comisión de Festas Patronais de San Ramón e Santa María e ao ano seguinte o Concello pasa a facerse cargo da súa organización co obxectivo de facer del un evento duradeiro. Dende entón tivo unha progresión ascendente e a partir do 2017 foi incorporando de forma paralela outras actividades culturais en distintas instalacións e, incluso, serviu para dar proxección á música local. No 2020 non se puido celebrar a causa da pandemia e no 2021 tamén sufriu as restricións normativas pola pandemia. Pero neste 2022, con menores restricións e nun recinto con maior aforo, “lamentablemente o número de asistentes diminuíu considerablemente”, explican os populares.

TRAGSA

Por outra banda, o Grupo Municipal Popular de Vilalba urxe ao goberno local a tomar decisións sobre o servizo de limpeza de centros educativos e outros edificios municipais debido a que “o convenio entre o Concello e a Deputación polo que se lle encargaba a súa prestación á empresa pública Tragsa caduca o 7 de xullo”.

Os populares amosan a súa preocupación ante esta situación tendo conta, especialmente, que “existe unha sentenza que decreta a nulidade de pleno dereito de adquisición dunha acción de Tragsa por parte da Deputación que lle permitía converter a empresa en medio propio e habilitala para a prestación de servizos coma os establecidos no convenio co Concello de Vilalba. Se ben é certo que a sentenza non é firme, de confirmarse quedaría invalidado o procedemento e as consecuencias serían graves no eido persoal e patrimonial”.

Ata o de agora “descoñecemos cal vai ser a determinación que tome o goberno local socialista: non se sabe se o vai dar por finalizado, se vai asinar un novo convenio coa Deputación ou se pretende prorrogalo máis tempo”.

Sandra Vázquez considera este caso outro exemplo máis da “falta de transparencia e capacidade de xestión por parte do goberno local que continúa a afectar á gobernanza e á prestación de servizos”. A voceira popular subliña outros casos coma o concurso declarado deserto e sen vía de solución en relación ao centro de día, o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria que vai camiño de dous anos caducado, sen licitación nin prórroga e funcionando pola vía de feito”. Así mesmo, engade “a RPT perdida no limbo e a situación agravada polo feito de que dous postos fundamentais do organigrama municipal como son a Secretaría e a Intervención están en situación de provisionalidade”.

O Grupo Municipal Popular esixirá polo tanto no vindeiro pleno a convocatoria, coa máxima urxencia e nun prazo non superior aos 15 días, da Comisión de Asuntos do Pleno ou outro órgano que considere oportuno para estudar e tomar decisión con respecto ao convenio asinado entre o Concello e a Deputación. E tamén das respectivas comisións municipais sectoriais, para o estudio e a adopción de acordos en relación á situación do centro de día, o contrato do lixo e a RPT”.

Servizos de conciliación

Os populares tamén pedirán explicacións ao goberno local no pleno que a corporación celebra esta semana sobre servizos de conciliación para as familias. Nese sentido, queren saber que empresa prestará o servizo de actividades de verán para os nenos e nenas en Vilalba e, unha vez rematado o período de inscrición, cal é o número de inscritos. Tamén queren saber cales son as actividades de verán previstas para desenvolver na área recreativa da Madalena e cal é a alternativa para as actividades acuáticas despois do peche e derrubamento do parque acuático.

Por outra banda, de cara ao vindeiro curso 2022-2023, preguntarán se o goberno local ten previsto ofrecer o servizo Madrugadores nas mesmas condicións que o presente curso no que asumía o Concello a xestión directa nos propios centros. E, de ser o caso, se esixirán un número mínimo de nenos para poñer en marcha o servizo.

Tamén advirten de que a Biblioteca Municipal, un servizo cultura, social e educativo, estivo pechada a maior parte da semana do 23 de maio e preguntarán polas causas dese peche coincidindo, ademais, coa época de exames.