Skip to main content
Vilalba

Vilalba porá en marcha a zona azul en determinadas rúas do casco urbano

Por 30 Xuño, 2022Sin comentarios

Durante o mes de xullo non se realizarán multas para dar unha marxe da adaptación á veciñanza.

O Concello de Vilalba pon en marcha este luns, día 4 de xullo, a zona azul en determinadas rúas do casco urbano, unha medida destinada a dinamizar o estacionamento e o fluxo de vehículos e persoas.

A zona azul aplicarase na rúa da Pravia; rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez; rúa Campo da Ponte ata Domingo Goás, e na rúa José María Chao Ledo ata a intersección coa rúa Guitiriz.

O horario da zona azul será de luns a sábado de 9.00 a 14.00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos.

Tamén se regulará o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a venres de 09:00 a 19:00 horas e os sábados de 09:00 a 14:00 horas, de xeito que os vehículos só poderán estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos. Non se implementará esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira.

Para facilitar o bo funcionamento do servizo, o concello repartirá reloxos para que os condutores e as condutoras indiquen a hora de chegada á praza de estacionamento. 

Os reloxos estarán a disposición das persoas interesadas nas dependencias do concello, e poderán retirarse un máximo de dous reloxos por persoa segundo as necesidades.

O obxectivo desta zona azul é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras.

O mes de xullo servirá como periodo de proba e o concello pide a colaboración dos veciños e veciñas, xa que a medida ten o único obxectivo de dinamizar as rúas máis céntricas e axudar aos negocios e establecementos de hostalería locais.