Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

As lonxas galegas acadaron rexistros históricos na pasada campaña da centola

Por 10 Xullo, 2022Sin comentarios

As lonxas galegas acadaron rexistros históricos na pasada campaña da centola con preto de 700.000 quilos comercializados, así o analizaron nun informe a partir dos datos de primeira venda deste recurso nas lonxas e centros de venda autorizados de Galicia que reflicten os mellores datos en canto a capturas da serie histórica, que se remonta a 1997. A poxa desta especie acadou neste período cifras récord ao comercializarse máis de 676.000 quilos, o que confirma o bo estado do recurso en augas galegas, onde está sometido todos os anos a un plan de xestión aprobado pola Administración en consenso co sector.

Estes preto de 700.000 quilos supoñen un incremento do 7% con respecto á anterior campaña 2020-2021, que tamén resultou ser unha das mellores desde que se teñen rexistros. En termos de ingresos, os centros de primeira venda facturaron preto de 6 millóns de euros, cun incremento tamén próximo ao 7%.

Na pasada campaña participaron preto de 850 embarcacións de artes menores que descargaron unha media global de 3.500 quilos de centola ao día, co que a media por buque se situou nos 800 quilos. Estes datos tamén converte á campaña que acaba de rematar -a veda comezou o pasado 25 de xuño nas provincias da Coruña e Pontevedra e na de Lugo o pasado día 2- na máis eficiente da serie histórica. 

Estes resultados dan continuidade á evolución das vendas deste crustáceo nos últimos anos, o que apunta a un bo estado biolóxico da especie froito das medidas de xestión adoptadas. A actividade derivada da captura desta especie contribúe a dinamizar os portos e a xerar actividade no sector hostaleiro, o que repercute na xeración de riqueza tanto a nivel local como no conxunto de Galicia. 

Os plans de xestión aplicados nos últimos anos, nos que se inclúen as vedas, contribuíron a aumentar a biomasa reprodutora ao axustar a pesqueira ao ciclo de vida das especies, protexendo así a súa reprodución e favorecendo unha explotación máis sustentable. Para a elaboración de ditos plans, a Consellería do Mar traballa co sector pesqueiro e marisqueiro (representado polas federacións provinciais de confrarías da Coruña, Lugo e Pontevedra) e os informes técnicos realizados a tal efecto.

De feito, actualmente está en marcha a veda da centola da campaña 2022-2023, polo que nas provincias da Coruña e Pontevedra está expresamente prohibida a captura desta especie ata o vindeiro 6 de novembro e na de Lugo, ata o 27 dese mesmo mes.

RESULTADOS POR LONXAS

O informe da Consellería do Mar destaca que, dos preto de 700.000 quilos de centola que se comercializaron nas lonxas galegas na campaña 2020-2021, a maioría pertencen a lonxas da provincia da Coruña (385.600 quilos), seguidas das da provincia de Pontevedra (265.000 quilos) e das de Lugo (25.900 quilos). Por centros, a lonxa da Coruña foi a que máis cantidade despachou (172.000 quilos), seguida das de Ribeira (105.000 quilos) e
O Grove (94.300 quilos).