Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación investirá 1,3 millóns de euros na mellora de 12 vías

Por 1 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da institución provincial licitou obras de acondicionamento en estradas que discorren polos municipios de Barreiros, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo, Guntín e Portomarín.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento de 1,3M€ para seguir mellorando a rede viaria provincial. En concreto, deu luz verde aos proxectos e á licitación das obras para o acondicionamento de 12 vías que discorren por 8 concellos da provincia: Barreiros, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo, Guntín e Portomarín. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que estas actuacións demostran o bo ritmo de xestión e o esforzo “que facemos para seguir mellorando a rede de estradas, á que dedicamos practicamente o 20% do orzamento total da entidade”.

“En Barreiros aprobamos a rehabilitación do firme de tres vías provinciais por preto de 150.000€ e un prazo de execución de dous meses”, explicou a Deputada. Trátase das vías LU-P-0605, que comunica Benquerencia con Suigrexa, onde se renovará o firme dende o comezo ata o punto quilométrico 1,2; LU-P-0606, de Benquerencia a Pedregas, cunha actuación do quilómetro 0,473 ao 0,707; e  LU-P-0607, de Benquerencia á Praia da Fontela, na que se farán melloras nos dous primeiros quilómetros.

García Porto recordou que “a pasada semana, xunto ao Presidente, supervisamos outra das actuacións que esta institución levou a cabo no concello de Barreiros en materia viaria. Neste caso, a  estrada de San Cosme ao Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, unha vía que é agora de titularidade municipal, que foi acondicionada recentemente grazas a unha achega da Deputación de 35.000€”.

Tamén na Mariña, licitouse no concello de Trabada a rehabilitación do firme da LU-P-6101 nun treito de catro quilómetros, entre os puntos quilométrico 3,554 e 7,556. Esta actuación, que se levará a cabo na vía que conecta Trabadela coa Ría por Sante, conta cun orzamento de 177.853€ e un prazo de execución de 2 meses.

Así mesmo, a Xunta de Goberno licitou para a comarca da Terra Chá dous contratos para a mellora de dúas estradas en Vilalba por un importe de medio millón de euros. “Na LU-P-6501, que une Vilalba con Feira do Monte, investiremos 254.000€ para acondicionar cerca de 4 quilómetros, dende o seu inicio ata o punto quilométrico 3,835. Pola súa banda, na LU-P-6502, de Vilalba a Chavín pola Balsa, dedicamos uns 200.000€ para traballos entre o quilómetro 2,1 e o 4,6”, explicou Pilar García Porto.

Tamén se actuará en Guitiriz cun orzamento de 110.300€ para a mellora do firme e da senda peonil da LU-P-2304. A voceira socialista sinalou que “se trata dunha vía que une o núcleo de Guitiriz con Sete Muíños, un espazo de lecer na natureza ao que se achega a veciñanza e os visitantes”, aclarou.

No concello do Saviñao a Xunta de Goberno aprobou a licitación  para rehabilitar o firme de preto de 5 quilómetros, entre o punto quilométrico 17,2 e o 21,9, da estrada provincial LU-P-4202, que comunica Pacios con Currelos por Aldosende. García Porto explicou que “para esta actuación contamos cun orzamento de preto de 100.000€ e un prazo de execución de dous meses. Xa neste mandato levamos a cabo o acondicionamento doutros tres quilómetros desta estrada, do punto quilométrico 22,150 ó 25,410, cun investimento de 119.000€”.

En Portomarín, a Deputación acometerá dúas actuacións, entre os puntos quilométricos 1 e 4 da LU-P-4902, que vai do Alto do Valiño a Valdeporras por Vilaxuste, e dos puntos quilométricos 2 a 3,235 da LU-P-4909, que conecta Toxibo coas Neves, explicou a voceira socialista. Estas melloras contan cun orzamento de preto de 260.000€ e un prazo de execución de 3 meses.

García Porto sinalou que “estas dúas actuacións son obras moi importantes para Portomarín e para toda a zona porque supoñen a mellora do enlace coa N-540 cara Ourense”.

A Xunta de Goberno aprobou, tamén, a licitación para a mellora das comunicacións entre os concellos de Lugo e Guntín coa rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 1,35 e 5,8 da LU-P-2406 e os primeiros 300 metros da estrada na LU-P-2402.

En materia de estradas, a voceira socialista do Goberno avanzou que a Deputación sacará de novo a contratación á maior brevidade posible a obra de rehabilitación do firme de dous quilómetros da LU-P-3601, no concello de Negueira de Muñiz, tras quedar deserto o proceso por non presentarse ningunha oferta.

Centros de Atención a Persoas Maiores

“Na Xunta de Goberno de hoxe aprobamos a adxudicación dos contratos para a prestación de servizos básicos nos Centros de Atención a Persoas Maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada por un importe conxunto que se aproxima aos 3M€ e por un período dun ano, coa opción de tres prórrogas anuais máis”, anunciou García Porto.

Na residencia de Trabada o contrato foi adxudicado a Troncoso Casares, S.L. por 683.075,02€ e, na de Ribadeo e Pol, a CK Senior Gestión, S.L., por 820.000€ e 725.000€, respectivamente. Por último, na Fonsagrada, a adxudicación foi a Rodas Vivenda Comunitaria, S.L., por 640.000€.

Parque Móbil

Por outra banda, quedou aprobada a contratación do subministro de aglomerado para o Parque Móbil da Deputación cun orzamento de máis de 680.000€ e un período de 6 meses, con opción a prórroga de ata un ano. “Trátase dun contrato que permitirá seguir acometendo obras de mantemento e mellora das estradas provinciais, pero tamén das municipais, pois a Deputación ten o Parque Móbil a disposición dos concellos, como unha ferramenta de cooperación para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, explicou a Deputada.