Skip to main content
Lugo

O PP denuncia “politización” das canles dixitais do Concello de Lugo

Por 7 Xullo, 2022Sin comentarios

O PP do concello de Lugo denunciou hoxe a “politización” das canles dixitais institucionais do Concello. Critican así, que a alcaldesa utilice cartos públicos para “adoctrinar aos lucenses” tras tildar de grave que se utilicen ao servizo do PSOE unhas plataformas que están concebidas para dar información á cidadanía.

Os populares fixeron estas declaracións logo de ver unha nova, na páxina web municipal, na que a rexedora amosaba o edificio Impulso Verde ao secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso. “Denota unha falta de pudor á hora de usar fondos públicos confundindo o interese público cos intereses do seu partido”, denuncia a edil popular, Mar Carballas.

Coa idea de mudar esta situación desde o PP propoñen consensuar un código ético ou unha guía de boas prácticas lembrando que “existe un acordo de pleno do ano 2014 para crear este foro para evitar o uso partidista da web institucional”.

A popular indica que, lamentablemente, este acordo xa está obsoleto porque “o goberno local en vez de erradicar este tipo de prácticas propagandísticas agora o estendeu ao resto das plataformas dixitais”. Para o PP “esta guía ou códico ético evitaría que os medios de comunicación institucionais do Concello de Lugo se usen en
beneficio do PSOE e máis en concreto para o autobombo da alcaldesas”.

A concelleira popular Mar Caballas acompañou esta petición cunha listaxe de novas con mensaxes partidistas que o Goberno de Lugo difunde nas canles oficiais “sen ningún tipo de rubor” usando uns medios que “deberían ser exclusivamente para informar á cidadanía e non para adoctrinala”.